O uso de enerxías renovables esténdese nas vivendas

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os sistemas de geotermia e a aerotermia empezan a ter cada vez maior demanda polo seu alto rendemento

18 novs 2017 . Actualizado ás 12:30 h.

A expansión das enerxías renovables é un feito e abarca cada vez maiores ámbitos e, sen dúbida, os fogares non son alleos a esta tendencia. Cada vez son máis as vivendas que incorporan sistemas de calefacción que, ademais de proporcionar un alto rendemento, son respectuosos co medio ambiente.

Ao principio, chamaban a atención as casas, pisos ou instalacións deportivas que tiñan placas solares nos seus xardíns ou cubertas e, agora, trátase de elementos que pasan desapercibidos e que se consideran habituais. A tecnoloxía, que non deixa de evolucionar, propiciou que, mesmo, comecen a ser substituídos por outros máis eficaces, como a geotermia ou a aerotermia. Esta última irrompeu con forza, segundo explican os profesionais dos establecementos especializados que traballan na zona.

O experto Guillermo Pérez, de Instalacións Pérez, comenta que o seu negocio foi un dos primeiros en montar as denominadas bombas de calor «hai máis de quince anos».

A súa empresa deu un outro paso e, agora, coloca recuperadores de calor en equipos de refrixeración: «Isto permite ter gratis auga quente sanitaria».

Así mesmo, a compaña instalou un equipo de biogás na planta de compostaxe de Serra do Barbanza: «Cóllese o gas, filtrámolo, queimámolo nunhas turbinas e prodúcese enerxía eléctrica de autoconsumo».

No caso das placas solares, algunhas empresas están pondo uns modelos nos que se mellora a transmisión da calor ao elemento condutor.

Estudo previo

Son moitas as posibilidades que actualmente ofrece o mercado, polo que é factible atopar unha adecuada a cada tipo de inmoble. Así o explica Miguel Ordóñez, de Tesla. Comenta que «as bombas de calor teñen unha elevada demanda na actualidade», á vez que subliña que a colocación de placas solares é moi adecuada naqueles casos nos que existe un elevado consumo de auga quente.

Á hora de elixir un sistema de calefacción, Miguel Ordóñez teno claro: «Eu aposto polas enerxías renovables». Ao tempo, precisa que «depende do que queira o cliente, pero nós sempre lle proporcionamos asesoramento. Imos ver a casa ou o piso para dicirlle cal é a alternativa máis aconsellable».

Subliña que hai moitos factores que inciden no rendemento dos dispositivos de calefacción, pero o illamento do inmoble é determinante.

Agora que chega o frío é o momento de pensar en cal pode ser a mellor opción e, sen dúbida, deixarse asesorar polos expertos na materia.

Entre as compañas da zona que se atopan na vangarda e que tamén apostan polas enerxías renovables figura Boiresa. Patricia Davila, integrante desta compaña, comenta que un dos sistemas con maior rendemento é a geotermia. Recoñece que o custo de instalación supera ao doutros, «pero é unha amortización a longo prazo».

Os técnicos da firma xa o puxeron en marcha en diversas vivendas. Explica Davila que consiste en extraer a calor da terra mediante a realización duns pozos, cunha profundidade duns 100 metros. Trátase dun método dual, porque no inverno serve para quentar os fogares e, no verán, para arrefrialos. Neste sentido, a representante de Boiresa comenta que os pozos «van moi ben selados e illados».

Subliña que aínda que o desembolso inicial sexa maior, «a longo prazo resulta moi rendible». Tamén recalca que, por agora é pouco coñecido, o que motiva que a demanda sexa menor que noutros casos. Agora ben, seguro que non tarda en expandirse, dado que o que todos buscan nas súas casas é sentirse cómodos e, sobre todo, gozar no interior da temperatura adecuada.

Tanto se un cliente se decanta pola geotermia coma se faino pola aerotermia, no interior da casa deberá colocar chan radiante. Con todo, non é exclusivo para estes mecanismos de calefacción e pode tamén aplicarse a outros. O que comentan desde os establecementos é que é unha opción moi recomendable en todos os casos porque se optimiza moito máis o consumo.

Á hora de elixir un medio ou outro para garantir a calor nun fogar, o mellor é consultar aos especialistas, que son os mellores para proporcionar asesoramento. De feito, esta é a época do ano na que moitas persoas se expoñen se o dispositivo co que contan é realmente o máis apropiado.

Un profesional axustando un sistema de aerotermia. Foto c. queijeiro