Carlos F. Coto: «A rehabilitación é a mellor alternativa a consumir territorio»

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Fernández Coto analizará os novos modelos de restauración

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A reciclaxe non só ten que ver coa correcta separación e recuperación dos residuos, senón que tamén hai moitos sectores nos que é posible dar unha nova vida a produtos e mesmo inmobles. Disto precisamente falará este xoves o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto dentro do Foro Voz Reciclar é aforrar, que terá lugar en Noia, e onde disertará sobre as grandes posibilidades que ofrece a restauración de vivendas.

No seu relatorio, que acompañará de distintas fotografías que servirán como exemplos visuais, centrarase en analizar por que «a rehabilitación é a mellor alternativa a consumir territorio. E, por outra banda, falarei da recuperación da arquitectura tradicional e de distintos elementos arquitectónicos como modo de evitar a xeración de residuos». Vigas, portas de madeira ou máquinas de coser son algúns destes materiais que se han ir restaurando nos últimos anos para darlles unha nova utilidade nas vivendas, segundo enumerou o experto.

Neste sentido, Fernández Coto presentará a nova iniciativa posta en marcha pola Orde de Arquitectos de Portugal, «grazas á cal a xente regala para restaurar as portas vellas que xa non quere. Ademais, tamén hai un local en Padrón onde se recuperaron varias portas vellas para facer mesas», apuntou.

Recollida de lixo

Outro dos puntos da súa intervención será «analizar algúns sistemas de recollida de lixo distintos ao noso, como os de Finlandia, Cataluña, País Vasco, Estados Unidos ou Portugal. Neste país están eliminando os colectores da rúa, que agora pasan a estar dentro dos edificios. Esta é unha forma de evitar moitísimos problemas, porque non se queimarían, non andarían tirados polas rúas, non habería que limpalos, e non seguirían formando parte do urbanismo».

Fernández Coto mostrouse moi crítico coa utilización e colocación de colectores na vía pública, xa que ademais de ser un elemento que afea a paisaxe, a súa localización sempre responde á teoría de , «onde menos estorban, xa sexa diante dunha igrexa, tapando unha escultura ou ao borde do mar»denunciou.

Apuntou que esta alternativa de gardar os cubos de lixo nunha sala específica dentro dos edificios xa se puxo en práctica no municipio coruñés de Oleiros, onde unha urbanización xa implantou este método que, para Fernández Coto, é un dos máis sinxelos de trasladar a toda Galicia polo seu reducido custo. Por contra, o gran investimento que require o complexo sistema de aspiración de residuos que existe en cidades como Barcelona ou países como Finlandia, fai moi difícil a súa posta en marcha aquí, segundo destacou o arquitecto.