Fiestón mariñeiro no porto de Ribeira

La Voz

BARBANZA

O armador de Aguiño Antonio Torres celebrou ao bodatura do seu novo barco, o «Costa Azul Dúas»

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é moi habitual nos tempos que corren, coa sombra da crise aínda planeando e cun sector pesqueiro gravemente tocado, asistir ao acto de botadura dun gran barco. Talvez por iso, o que tivo lugar o domingo no porto de Ribeira converteuse nunha festa. Os protagonistas foron o armador de Aguiño Antonio Torres e o Costa Azul Dúas, un barco que xa forma parte da flota palangreira local e que en breve porá rumbo ao Océano Pacífico para lanzarse á captura de especies como peixe espada, atún e marraxo.

O que tivo lugar a fin de semana foi un acto de botadura simbólico, posto que a embarcación foi construída nos estaleiros Armón de Vigo e foi alí onde o seu casco tocou auga por vez primeira. A pesar diso, houbo bendición, que correu a cargo do cura de Aguiño, Julio Cárdenas, e lanzamento de botella de cava. A encargada de facer as honras foi a pequena Paula Torres García, neta do armador.

Xunto á nena e ao anfitrión da festa estaban outros membros da familia de Aguiño, como Josefa Romay, a muller do armador; Alejandro Torres, o seu fillo, que será ademais o patrón do barco, que acudiu coa súa muller, Celia García; María José Torres, a filla; e Claudia Adano, nora do empresario, que foi co seu fillo, Toño Torres.

Colofón gastronómico

Foron moitos os rostros coñecidos que se deron cita no peirao comercial de Ribeira. Todos eles tiveron ocasión de coñecer o barco por dentro, nunha especie de visita guiada, e de compartir impresións durante a degustación duns petiscos que puxo o broche á festa. Alí estaban, entre outros, o presidente da patronal de Ribeira, Antonio Miranda; o patrón maior da confraría local, José Pérez; e o empresario sonense Manuel Fernández, que se encargará de fornecer de carnada ao barco. Desde Vigo tamén se desprazaron o dono dos estaleiros Armón, José Ramón Fernández, e o xefe de produción, José María Gómez.