As escasas capturas no inicio da época de caza non truncan as boas expectativas na comarca

X.R. Alvite / M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Nos distintos tecores realizáronse importantes repoboacións

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As elevadas temperaturas que se acadaron na xornada do domingo convertéronse nun inesperado inimigo para os afeccionados á caza no arranque da tempada cinexética. A calor condicionou o primeiro día e propiciou escasas capturas, con todo, nos tecores da zona manteñen as boas expectativas.

Iso comentaban distintos cazadores de Noia, sobre todo no que respecta á perdiz, que criou ben. Pola súa banda, o coello o domingo estivo desaparecido: «Coa calor é moi difícil para os cans seguir ningún rastro, e hai que estar moi atentos e levarlles auga porque lles pode dar un golpe de calor». No que respecta á situación do tecor, aseguran que está «moi ben, fíxose unha repoboación grande de perdiz e biótopos para os coellos. Estamos facendo un gran esforzo, coidamos as especies».

E iso a pesar da falta de axudas. Non en balde, desde a sociedade de caza criticaban con dureza o papel da Xunta na actividade cinexética: «Non hai nin unha soa subvención para as repoboacións, todo corre pola nosa conta. Medio Ambiente cobra licenzas e esixe requisitos para poder recuperar as especies, pero deixa ese labor nas nosas mans e nós non somos os máis adecuados, non somos biólogos nin expertos».

Moita lebre

En Mazaricos, pola súa banda, onde se atopa o tecor máis extenso da zona, tamén falaban de boas perspectivas nun inicio de tempada no que, a falta de coello, si se capturaron lebres: «Os cans non seguen o rastro con tanta calor, pero o tempo estaba formidable para a lebre, cazáronse máis de corenta pezas». Neste sentido, apuntaban que está funcionando positivamente a xestión das vedas, xa que, do mesmo xeito que o ano pasado, esta especie só poderá capturarse dous domingos: o pasado e o próximo.

Na zona de caza da Pobra e Boiro a primeira xornada foi razoablemente boa e capturáronse coellos e algunha perdiz.

Ramón Paz: «Aínda é cedo para valorar como está a poboación de coello»

Ramón Paz é o secretario da Asociación de Caza e Pesca O Falcón de Mazaricos e, a pesar da súa ampla experiencia, onte recoñecía que aínda é pronto para facer unha previsión de como se presenta a tempada, sobre todo para determinadas especies, aínda que, tras a primeira xornada, el mostrábase optimista: «Aínda é cedo para valorar como está a poboación de coello. O domingo, coa calor que facía e o vento, non se viu, foi moi mal día».

 Do mesmo xeito que nos demais tecores, no mazarico tamén se está facendo un importante labor de repoboación de especies cinexéticas, e parece que este ano se recollerán os froitos dese traballo. Non en balde, Ramón Paz sinalaba que «o bo tempo axudou a que os animais criaran, non houbo humidade e parece que iso lle vai ben aos coellos. Tampouco se ven demasiados animais enfermos». En canto aos coellos, haberá que agardar a que muden as condicións meteorolóxicas para comprobar se é así.

Xoán León: «Estamos facendo un bo traballo de recuperación»

A pesar de que o arranque da tempada de caza estivo marcado polas elevadas temperaturas, en Boiro e A Pobra as expectativas para esta campaña son boas. Contábao o presidente da sociedade Castelo de Vitres-Folgoso, Xoán León, e explicaba por que: «Estamos facendo un bo traballo de recuperación, en canto ao coello e a perdiz».

En relación con isto, apuntou que as especies na parte alta da serra están «bastante recuperadas», e que se está facendo un esforzo importante para realizar as repoboacións con individuos criados por eles mesmos: «Este ano soltáronse 200 perdices e 700 coellos sacados das nosas propias instalacións». En canto ás aves, destacou que se están realizando avances importantes no que respecta á perdiz: «Había 30 anos que aquí non abría a veda para esta especie e conseguimos incluso que criaran no monte. Vedamos a propósito nunha zona para protexer eses bandos».