O ecosistema empresarial arousán xeraba 11.639 postos de traballo antes da pandemia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O conxunto das súas 827 sociedades facturou 2.146 millóns de euros no exercicio 2019

29 may 2021 . Actualizado ás 22:27 h.

Pendentes de coñecer cando a loita epidemiolóxica contra a pandemia permitirá o novo despegamento da economía no sur de Arousa, haberá que ver ata que punto esta é capaz de rebotar e recuperar a liña de crecemento que mantiña ata o 2019. Un ano de números felices para o conxunto do ecosistema empresarial dos once municipios da zona.

Atendendo á última actualización da base de datos Ardán, elaborada polo Consorcio Zona Franca de Vigo cos balances oficiais do Rexistro Mercantil, a comarca contaba ao peche do 2019 con 827 firmas entre as 21.030 primeiras sociedades galegas por volume de negocio. Isto é, 35 máis que un ano antes, cun incremento do 4,42 %, aínda que é necesario aclarar que o Ardán do 2018 reuniu ás 20.000 primeiras firmas do país.

Se a ampliación da base de datos pode tentar a minimizar a transcendencia do aumento de sociedades arousás computado, a boa marcha da economía da comarca no 2019 queda reflectida na súa xusta medida na evolución das dúas grandes magnitudes que maior impacto exercen na relación entre unha empresa domiciliada no municipio no que produce e a súa comunidade. Isto é, o número de postos de traballo que xera e a súa facturación, punto de partida da correspondente rendición de contas ás facendas locais pola súa actividade.

Respecto ao primeiro apartado, as 827 firmas do exercicio 2019 recollidas no Ardán en Pontecesures , Valga , Catoira, Vilagarcía, Vilanova, A Illa, Ribadumia, Meis, Meaño, Cambados e O Grove empregaron a 11.639 persoas; 662 máis que as que figuraban en nómina nas 792 sociedades referenciadas polo Ardán no 2018, o que supón un aumento anual da masa laboral do 6,03 %.

En canto ao volume de negocio, o ecosistema empresarial do sur de Arousa xerou o ano previo ao comezo da pandemia 2.146.260.851 euros. A cifra mellora en 185,47 millóns á producida polas 792 firmas do Baixo Ulla e O Salnés no 2018 recollidas polo Ardán, un 9,46 % máis; sendo que a última empresa da listaxe deste ano facturou 243.069 euros e a do 2019 pouco menos, 170.017.

A comarca contaba con 17 firmas que superaban o centenar de traballadores e concentraban o 27,8 % do emprego total 

Máis aló dos números grosos, unha ollada máis detida á última actualización da base de datos Ardán ofrece rexistros máis detallados que apuntan na mesma dirección: a pandemia golpeou en pleno avance dunha economía en significado crecemento na banda sur da ría de Arousa. Así, nunha comarca anémica en materia de grandes empresas, no 2019 eran 17 as firmas con máis dun centenar de traballadores en nómina. Escasas, si, pero un 21,43 % máis que as que había un ano antes, cando o seu número era 14, e case o dobre das 9 domiciliadas nalgún dos once municipios da zona un lustro atrás, no 2014.

A factoría grovense de Bolton Food España, S.L., a multinacional italiana dona do emblema comercial Conservas Isabel, dominou no 2019 un exercicio máis o ránking de sociedades con maior persoal do sur de Arousa. Con 523 nóminas no seu balance, 6 máis que o ano anterior. Seguíronlle, por esta orde, a valguesa Extrusionados Galicia, S.A.U., Extrugasa, con 325 traballadores, a vilagarciá Cefrico, S.L., con 267, Extrugasa Transformación, S.A., con 265, e Castro Carrocera, S.A., Carsa, con 220 no seu centro de montaxe de carrocerías de autobuses do polígono de Bamio, Vilagarcía. Ata aquí, a nómina de firmas con máis de 200 operarios, cinco, unha máis que as existentes no 2018, exercicio no que Extrugasa Transformación, S.A. contaba con 181 asalariados.

Completan a listaxe de sociedades con máis de cen empregados no ano previo ao estalido da pandemia: Exlabesa Building Systems, S.A. (Valga ), moi preto da barreira dos 200, con 195, Trivium Packaging Ibérica, S.A. (Meis), con 186, Atunlo O Grove, S.L (Frigrove, S.L.), con 156, DS Smith Packaging, S.A., antiga Lantero (Vilagarcía), con 147, Bateamar, S.L. (Cambados), con 137, Serpeixe, S.L. (Vilagarcía), con 126, Atunlo Cambados, S.L.U., con 122, Conservas Friscos, S.A. (Catoira), con 117, Montaxes Nobre, S.L. (Vilagarcía), con 116, Ramiro Martínez, S.L. (Montiño; Vilanova), con 114, Kiwi Atlántico, S.A. (Ribadumia), con 111, e Galipan, S.A.U. (Valga ), con 109. 

M.IRAGO

Máis dun de cada catro

Só entre as 17 empresas con máis de cen empregados sumaron 3.236 postos laborais no 2019, o que supón o 27,8 % do total dos 11.639 traballadores das 827 firmas do sur de Arousa incluídas na última actualización da base de datos Ardán.

As tres novas fábricas con persoais por amais das cen nóminas son DS Smith Packaging Galicia que, talvez por razóns de redomiciliación societaria, non figuraba ata o 2019 afincada en Vilagarcía no Ardán, e Atunlo O Grove e Cambados. Estas dás últimas, como o seu nome indica, pertencen a un mesmo grupo, dedicado á transformación e comercialización de atún, con outras tres plantas de produción propias en España, Portugal e Cabo Verde.

Os 700 menos un de Quintá

Entre as factorías de Atunlo no Grove e Cambados sumaban no 2019 un persoal de 278 traballadores, cifra que a situaría por amais da procesadora de peixe vilagarciá Cefrico, con 267. Igualmente, a suma das tres sociedades do Grupo Quintá, Extrusionados Galicia, S.A.U., Extrugasa Transformación, S.A. e Galipan, S.A.U., colocaría ao gran produtor de aluminio arousán por amais de Conservas Isabel como principal polo de emprego na zona no último exercicio precovid, con 699 traballadores, un 9,22 % máis que os 640 cos que contaba no 2018.