Restitúen o tráfico na PO-307 e xa é posible ir á Illa sen dar un rodeo polo Terrón

B. C. VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

Martina Miser

Os prazos das obras acurtáronse notablemente en relación coas previsións iniciais

16 oct 2020 . Actualizado ás 12:56 h.

 As tres semanas que se deron inicialmente de prazo de execución das obras quedaron en tres días. A PO-307, que dá acceso á ponte da Illa, reabriu o xoves pola tarde ao tráfico, unha vez que se puido retirar da calzada a maquinaria desprazada á zona para instalar unha tubaxe que permitirá mellorar o sistema de drenaxe. O corte obrigou a desviar o tráfico polo Terrón (Vilanova) e implicou molestias e prexuízos económicos, especialmente para os negocios situados ao pé da estrada, cuxos clientes, ou ben tiñan que dar un rodeo a través de pistas secundarias ou, simplemente, non ían á barbería ou ao restaurante de quenda.

Do outro lado da ponte, na Illa, a asociación de comerciantes tamén se queixou polas consecuencias deste corte de tráfico, pero todo iso é historia.

A consellería de Infraestruturas emitiu un comunicado anunciando a reapertura da vía o xoves pola tarde e esta mañá os coches circulaban con normalidade entre a glorieta de Cardalda (PO-549) e a ponte da Illa, sen obstáculos. En todo caso, as obras continúan nas cunetas a propósito da construción dunha senda para peóns e ciclistas que se está realizando ao longo deste tramo. Unha vez que se estenda a capa de aglomerado que require a nova senda repararase o firme de toda a calzada.

O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, desprazouse hoxe ao momento para supervisar os traballos. «O primeiro que hai que facer é agradecer á empresa e á dirección de Estradas da Xunta pola velocidade marca coa que se fixo esta obra, e é unha obra que había que facer, porque a zona se alagaba».

Esta actuación forma parte dun novo itinerario desde Tarrío (PO-549) e a ponte da Illa —esta en execución— que permitirá que peóns e ciclistas circulen con seguridade. O custo desta intervención é de 1,8 millóns de euros, que financia a Xunta.