Mil gardiás contra os furtivos

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

Coa chegada do verán, as mariscadoras incrementan a súa presenza na praia para evitar roubos de bivalvos

25 jun 2019 . Actualizado ás 07:58 h.

Aínda que non estea ben confesalo, hai mariscadoras que non poden evitar un suspiro de alivio ante este inicio de verán nubrado e faiscante. E non é que non lles guste o sol e o bo tempo -a quen non lle gusta?-; o que non lle gustan son todos os problemas asociados á chegada masiva de bañistas ás praias arousás. Porque entre eles se acazapa unha especie de furtivo que cada verán coloniza, de forma mecánica e certeira, os areais nos que as mulleres envorcan horas de intenso traballo. É o furtivo de bañador, un pesadelo que obriga ás mariscadoras a pasar horas extra nas praias, cumprindo con quendas de vixilancia que oscilan entre as catro e as seis horas.

«A ninguén lle apetece facer vixilancias, pero non queda outro remedio se queremos preservar o que temos». Lourdes Curvo, a presidenta das mariscadoras de Vilaxoán, resume nesa frase o sentir de boa parte das súas compañeiras da ría. As setenta integrantes da agrupación vilaxoanesa realizan este traballo durante todo o ano, pero no verán intensifícano e prolongan as quendas, cando a marea o dita así, ata a unha da madrugada. «O tempo, de momento, non acompaña demasiado, pero aínda así xa tivemos algún problema», di Curvo. «O outro día collemos a un en Canelas, metido entre as pedras», relata.

En Vilanova tamén comezaron coas vixilancias de verán, que se concentrarán especialmente nas praias das Sinas e O Terrón. Son os areais que atraen a unha maior cantidade de bañistas e son, xa que logo, os lugares nos que se multiplica o risco de tropezarse con algún furtivo de bañador e chanclas. Para controlar eses areais, en Vilanova, as 250 mariscadoras que integran a agrupación reforzarán, con quendas de catro horas e apostadas cada cen metros, o traballo que desenvolven os sete vixiantes do depósito. De momento non tiveron ningún «problema notable», pero saben que, en canto as praias énchanse, a situación cambiará. «Afortunadamente, parece que a xente vai recibindo a mensaxe, e nós notamos que agora as cousas non son tan tensas como podían ser hai anos», di a patroa maior, María José Vales. Ela é das que están convencidas de que «o marisqueo e o turismo temos que convivir. Ao fin e ao cabo, tamén necesitamos aos turistas, se non quen nos vai mercar o marisco?».

Sábeno tan ben como as súas compañeiras da Illa de Arousa, que levan anos loitando a brazo aberto contra un problema que adquiriu tinguiduras moi serias, xa que é moito o territorio que han de controlar. Para iso, as mariscadoras teñen unha estrita organización, con postos de control que se suceden cada poucos metros. En cada un deles sitúanse tres mariscadoras, pendentes de todo o que ocorre na beira do mar.

En Cambados e O Grove tamén comezaron cos traballos de vixilancia estivais. En ambos os depósitos, as mariscadoras realizarán os traballos que complementan a función dos vixiantes en horario diúrno. Na península meca, outro dos destinos máis buscados polos bañistas, o problema acada unha alta intensidade, con zonas críticas como a zona da Vía e as praias da Toxa. En Cambados, con todo, ao non existir unhas zonas de baño nin claras nin masificadas, a situación parece ser máis doado de controlar.

En Carril, as mariscadoras sairán a controlar, en grupos de catro ou cinco persoas, tanto A Concha-Compostela como Bamio.

O ano pasado, Carlos Blanco e Touriñán convertéronse en aliados das mariscadoras galegas -e en particular das da Illa- protagonizando un dos vídeos do verán. Nel, a base de humor e retranca, expuñan o problema dos furtivos de bañador e pedían aos veraneantes responsabilidade nas súas visitas ás praias. Este ano, explica Carmen Divos, as mariscadoras insulares volverán explotar esa vía, a do humor e o sorriso, para intentar fomentar «a empatía entre a xente que vén á praia» para que se poñan no lugar de quen traballan os areais e respecten o produto que neles crece. Iso, sumado aos talleres que durante o ano realizan con nenos, é o outro fronte de ataque ao furtivismo estival.