Recollen sete mil asinas en favor da continuidade da residencia Valle-Inclán

B. C. VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

martina miser

Os traballadores falan dunha «vitoria social» e solicitarán agora unha reunión con Política Social

23 mares 2019 . Actualizado ás 19:13 h.

A recollida de firmas en favor da continuidade da actividade na residencia xeriátrica Valle-Inclán de Vilanova foi todo un éxito. Esa é, polo menos, a lectura que fan os traballadores que esta mañá ofreceron o balance da campaña iniciada hai un mes. Polo sistema de porta a porta lograron recoller sete mil asinas de apoio, a maioría en Vilanova, pero tamén nos municipios limítrofes como Vilagarcía, Cambados e A Illa. Os traballadores agradeceron a boa disposición dos veciños á hora de escoitar as súas propostas e expresaron a súa sorpresa ante a boa acollida que recibiron as súas demandas tendo en conta que as súas expectativas iniciais pasaban por recoller 2.500 firmas. Presentaron esta campaña como unha «vitoria social», que consideran debería ser suficiente para que a Xunta permita que a residencia continúe aberta. Con estas firmas na man solicitarán agora unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García: «Imos seguir loitando», indicaron nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que participaron, tamén, representantes de Gañemos Vilanova.

Sobre este centro pesa desde hai meses unha orde de peche por carecer da autorización autonómica, que nin se executou nin se sabe cando se executará. Esta situación de provisionalidade  some ao persoal, aos residentes e ás súas familias nunha gran incerteza porque non saben que lles deparará o futuro. Os primeiros quedarán sen emprego e os segundos terán que ser reacollidos noutras residencias.

Pero tendo en conta que Xunta carece de recursos para albergar aos máis de cen anciáns que están a ser atendidos en Vilanova e que o servizo que alí se presta é de calidade, argumentan desde a residencia Valle-Inclán, piden que se manteña aberto o centro. Na residencia Valle-Inclán hai máis de cen residentes e traballan 54 persoas