Un cliente frustra un atraco nunha cafetería de Cambados

La Voz CAMBADOS / VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

Cedida

Os feitos sucederon este xoves pola noite no centro do pobo

16 feb 2019 . Actualizado ás 19:27 h.

A Garda Civil detivo a un veciño de Vilanova, F.S.G., de 40 anos, como presunto autor dunha tentativa de roubo con intimidación cometido o pasado xoves nunha céntrica cafetería de Cambados. Os feitos sucederon sobre as once da noite, cando un individuo coa cara pintada con betún entrou no local portando un coitelo e un machete ameazando á dependenta e aos clientes coa intención de atracalos.

A decidida resistencia dun dos clientes, que lle fixo fronte ao atracador, foi suficiente para obrigarlle a que abandonase o local e evitar que conseguise o seu propósito, segundo informa a Garda Civil. A rápida resposta do axentes do cuartel de Cambados, que contaron con apoio de varias patrullas de seguridade cidadá dos postos de Sanxenxo, O Grove e Vilagarcía, permitiu que momentos despois fose localizada e detida esta persoa a escasa distancia da cafetería, cando se daba á fuga a pé.

No momento da detención aínda levaba a cara pintada con betún para evitar a súa identificación e ademais puidéronselle intervir as dúas armas brancas que utilizara. O detido, que conta cun amplo historial delituoso por feitos similares, foi posto o venres a disposición do xulgado de garda de Cambados, que decretou o seu ingreso preventivo no centro penal da Lama.

Detido por un roubo en Vilanova

Por outra banda, a Garda Civil detivo a un veciño de Caldas de Reis, de 20 anos, como presunto autor dun roubo que se cometeu o ano pasado nunha froitería situada nunha céntrica rúa de Vilanova. Os feitos remóntanse a agosto do pasado ano, cando o propietario da froitería denunciou que lle roubaron a

máquina rexistradora, despois de forzar a porta do establecemento. A inspección ocular

realizada no seu día polo equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía foi fundamental para esclarecer o caso, segundo apuntan desde a Benemérita. As análises realizadas polo laboratorio de criminalística da Garda Civil sobre os vestixios que se localizaron no establecemento permitiron a posterior identificación e detención do presunto autor dos feitos.

O mozo veciño de Caldas, a pesar da súa curta idade, xa ten un amplo historial delituoso por feitos similares. As dilixencias instruídas foron entregadas nos xulgados de Vilagarcía, onde deberá comparecer cando sexa requirido para iso.