José Juan Durán emula a Abel Caballero e promociona no seu muro de Facebook os «chickpeas on galician style»

Antonio Garrido Viñas
Antonio Garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

ÓSCAR VíFER

O presidente de Portos de Galicia aconsella a todo o mundo a que se achegue hoxe a Vilanova para comer os tradicionais callos de san Amaro

15 ene 2019 . Actualizado ás 20:27 h.

Non se pode negar que un dos grandes influencers que gardan estas terras é Abel Caballero. Testemúñano os seus vídeos virales, o éxito indiscutible que tivo a iluminación do Nadal e, tamén, os gabinetes de comunicación de moitos concellos. Este ano produciuse unha febre de comunicados municipais defendendo o exitosos que resultaran os festexos do Nadal por todos lados. É dicir, un non dicir que «as luces de Vigo non nos cegaron» queréndoo dicir.

E testemuña tamén que o estilo Caballero calou que ata os seus rivais políticos comezan a imitar algúns dos seus modos. Fíxoo esta mañá José Juan Durán (PP), presidente de Portos de Galicia e vilanovés. Hoxe, na súa cidade natal, celébrase a festividade de san Amaro. Uns festexos nos que a vertente relixiosa vén suculentamente acompañada pola gastronómica, como debe ser. No caso vilanovés co costume de tomar os callos. Costume para a que se coloca unha carpa gastronómica, pero que comparten a práctica totalidade dos locais de hostalería da localidade. 

José Juan espertouse con ganas de compartir con todos os seus amigos que hoxe era un día especial para el e colgou unha publicación na que felicitaba a todos os Amarvos e invitaba os seus seguidores a visitar Vilanova: «Tempo hai para as tradicions, os actos relixiosos para os creentes e os praceres culinarios que producen esos suculentos callos que prepara a boa hostelería local», escribiu. Pero debeu pensar José Juan que talvez en galego non era suficiente e saíulle a vea caballeril, así que se respondeu ao seu propio comentario, pero en inglés: «Today we have a great party on Vilanova de Arousa. In Galicia, the northwest of Spain. Chickpeas on galician style !!. Enjoy !!!!!!». Faltoulle, que dúbida cabe, o mítico «very welcome», de Abel. Talvez para a próxima vez. O que si fará José Juan Durán é seguir a súa propia recomendación: «Por suposto que farei unha escapadiña en canto o chollo mo permita». Lóxico, porque os chikpeas on galician style de Vilanova están de rechupete.