A antiga igrexa da Pastoriza volverá abrir por San Mauro

Bea Costa
Bea Costa VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

Cedida

O martes celebrarase alí un concerto de música. En Vilanova será festivo local e a tradición é comer os callos

12 ene 2019 . Actualizado ás 19:27 h.

Vilanova estará o martes de festa a propósito da celebración de San Mauro, e como cada 15 de xaneiro, nin haberá escola, nin abrirá o comercio, nin funcionará a administración. É festivo local e a tradición manda descansar e comer callos. Cociñaranse en moitas casas, serviranse nos bares e poderanse degustar, ademais, nunha carpa que se instalará para a ocasión. O programa de actividades é similar ao de anos anteriores, pero esta vez hai unha novidade. Por San Mauro abrirá as súas portas a antiga igrexa da Pastoriza, que foi restaurada grazas a unha colecta veciñal e axudas públicas e o martes volverá lucir en todo o seu esplendor despois da limpeza de que foi obxecto esta semana. Ás 20.30 horas comezará un concerto coa actuación da coral Voces Amigas e o grupo Mariachis de Vigo.

A festa tamén ten unha importante vertente relixiosa, que atrae por centos de persoas ás misas que se celebran ao longo do día en honra a un santo ao que se lle atribúen cualidades milagreras, sobre todo á hora de curar o reuma.

A devoción por San Mauro en Vilanova remóntase ao século XIV, por mor da existencia dun mosteiro en Cálago, segundo explicou o párroco Antonio Sineiro.