Durán chama a Ravella e Porto a sentarse e pide sintonía coa comarca

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

O presidente da Mancomunidade do Salnés propinou onte senllos tiróns de orellas aos responsables do Concello e a Autoridade Portuaria de Vilagarcí

26 sep 2018 . Actualizado ás 09:39 h.

O presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, propinou onte senllos tiróns de orellas aos responsables do Concello e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, instándolles a sentarse e falar sobre a ruta de cruceiros inspirada no Camiño de Santiago. O político popular confirmou que o ente comarcal colabora co Porto no deseño dunha oferta turística e recoñece que o rexedor vilagarcián se queixou de que a institución portuaria non se dirixiu a Ravella. «Que o pensen, porque Vilagarcía non pode vivir sen a comarca e o Porto non só presta os seus servizos a Vilagarcía».

A mancomunidade hase dirixido oficialmente a Ravella para que aclare se quere ou non que o ente colabore con esta iniciativa para, posteriormente, tomar unha decisión. Co que Durán de verdade está molesto, no entanto, é coa apreciación do concelleiro de Turismo , Pérez Callón, de que os comerciantes de Vilagarcía recibirían mal que os cruceristas visitasen outras localidades. Iso, sinalou o tamén alcalde de Vilanova, é «localismo e estreiteza de miras». «Levan anos sen cambiar de modelo, ningún goberno hao feito, e hoxe hai outros lugares na comarca máis atractivos; que me acepte o consello o alcalde, colaboren».