Vilanova estreará ximnasio municipal a finais de ano

Bea Costa
bea costa VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

CEDIDA

O Concello acomete obras de mellora en tres campos de fútbol

16 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Vilanova afronta a mellora das súas instalacións deportivas mediante varias actuacións. Por unha banda, comezaron as obras para dotar ao pavillón multiusos dun ximnasio, coa previsión de que poida estar operativo antes de Nadal. A nova instalación ocupará douscentos metros cadrados na planta baixa do edificio e terá equipos e espazo para realizar exercicios tanto de musculación como de cardio, segundo explicou o alcalde, Gonzalo Durán. Inicialmente, o ximnasio equiparase coas máquinas que xa había no anterior ximnasio e a previsión é comprar outras novas a medida que vaia habendo financiamento. As obras que están en execución teñen un orzamento de 45.000 euros e complementan o proxecto que no seu día supuxo a reconversión do antigo pavillón de deportes nun espazo multiusos, grazas á achega económica da Deputación de Pontevedra.

Unha vez feito o ximnasio, no outro lado do edificio construirase outra sala de similares dimensións, no seu caso para usos múltiples.

Cen mil euros

Non é o único investimento en materia deportiva que acomete o Concello de Vilanova nestes momentos. Coincidindo co inicio de tempada, tamén se van a pór a punto os tres campos de fútbol de herba artificial situados no Terrón, San Miguel e Corón e vaise a rematar o peche perimetral e realizar outras melloras na cantina, os vestiarios e os bancos do complexo deportivo do Terrón. Todo iso por valor de cen mil euros. «Neste Concello apostamos porque vos nenos e nenas fagan deporte», segundo indicou o primeiro tenente de alcalde, Javier Tourís. E nesta aposta enmárcase a creación de dúas novas escolas deportivas e a ampliación das axudas económicas aos clubs no próximo orzamento municipal, segundo engadiu o edil co gallo de ao visita que el e o alcalde realizaron ás obras no multiusos.