O vilagarcián Martín Rey regresa ao Padronés Cortizo buscando o trampolín ao pelotón profesional

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Campión galego Sub 23 en ruta, ponse en mans de Marcos Serrano

18 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Martín Rey Vázquez (Vilagarcía de Arousa, 11 de marzo do 2003) volve a casa. Tras pechar a súa etapa xuvenil no Emico-Erbi Bembibre de León no 2021 e despois dun notable primeiro ano Sub 23 nas filas do Club Ciclista Rías Baixas, o campión galego en ruta e gañador do ránking autonómico Sub 23 o ano pasado arrinca a súa segunda etapa nas filas do Padronés Cortizo. Unha fichaxe anunciada onte pola escuadra do Sar e que responde a moito máis que o afecto e a nostalxia que poidan existir entre un deportista e o club no que aprendeu o abecé do ciclismo entre os 12 e os 16 anos.

«Os meus obxectivos esta tempada son conseguir a miña primeira vitoria nunha carreira do calendario elite e Sub 23 e pelexar por dar o salto ao pelotón profesional, se non o próximo ano, o seguinte». Martín Rey é tan claro e sincero na súa declaración de intencións como carente de arrogancia. O seu é o discurso dun mozo que sabe ben o que quere e coñecedor do seu propio potencial, á vez que é plenamente consciente de que conseguir o que se propón será todo menos doado.

Máis aló do seu pasado común, dous foron os factores fundamentais que levaron a Martín Rey a decantarse esta tempada polo Padronés Cortizo. A súa potente estrutura e o nome do seu director deportivo.

Respecto ao primeiro, o vilagarcián declara: «Volvo a unha gran familia que mantén a ilusión intacta, pero agora contamos cuns medios e unha estrutura que calquera ciclista emerxente desexaría ter». No material, estreando o pasado verán unhas instalacións modélicas, de nivel UCI Pro Tour, que inclúen taller e sala de biomecánica, un ximnasio, unha aula e vivenda para os ciclistas. E no deportivo, co recente convenio do Padronés Cortizo, gañador do ránking nacional elite e Sub 23 no 2022, e o Burgos BH, un dos contados equipos UCI ProTeam de España, chamado a facilitar o salto ao pelotón profesional a aqueles corredores da escuadra do Sar con potencial para iso.

O segundo elemento que convenceu Martín Rey de regresar ao Padronés Cortizo ten nome e apelido: Marcos Serrano. «Son un gran admirador da súa metodoloxía, da súa forma de expor as carreiras e a súa estratexia», conta o arousán. De feito, o seu novo director deportivo foi quen fichou a Rey para o Rías Baixas, pouco antes de aceptar Serrano a oferta para pórse á fronte do proxecto de crecemento impulsado polo Padronés Cortizo. Proxecto que pasa, comenta o propio ex corredor profesional, por «apostar máis que nunca por reter o talento galego». No caso de Martín Rey , di: «Un corredor novo con moita proxección ao que lle podemos ofrecer tanto medios como un calendario atractivo para seguir crecendo».