Os códigos da natureza en función creativa

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Olalla Buceta confésase seducida pola arte fluída, no que o propio material da obra evoluciona mentres se asenta. Unha das súas esculturas simbolizará en Vilagarcía a loita social contra o narcotráfico

01 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai ocasións e lugares nos que Vilagarcía de Arousa pode chegar a sorprender. O outono no estudo de Olalla Buceta López (Vilagarcía, 1976) é un deles. Unha rúa anodina, nun ensanche sen moito de particular, esconde unha galería que se asoma sobre un xardín interior. Alí, no patio de atrás, crece a vexetación, dominada por un castiñeiro que vai perdendo as súas follas. A luz e a natureza penetran neste escenario de creación, proporcionándolle a Olalla unha fiestra insospeitada cara ao que é o seu principal tema de especulación artística: a natureza e os seus elementos.

Licenciada en Belas Artes pola facultade de Pontevedra, a creadora arousá compaxina a súa faceta como profesora de arte no colexio San Francisco co seu persoal traballo de expresión plástica. A especialidade que abrazou na súa etapa de formación foi a escultura: «Pero considérome unha artista multidisciplinar —explica—; a escultura era, en realidade, a disciplina que menos nos restrinxía. Permitíanos facer instalacións e performances, por iso elixina, non por limitarme a ela de ningún xeito, porque non tería sentido. O que procuro é recorrer á técnica ou ao material que considere máis adecuados en función do que queira facer ou dicir».

Obras e obxectos sucédense nun espazo polo que, chancea, «hai que moverse como un gato». É moi probable que algúns deles, se non todos, acaben incorporándose a algunha peza. Unha serie, titulada Amares, integra cunchas de mexillóns e navallas, lousa, mica e fragmentos do espello retrovisor dun automóbil. Máis aló desta mirada indagadora, que pode extraer practicamente de calquera cousa un potencial expresivo, Olalla confésase seducida pola arte fluída. «Empecei a elaborar as miñas propias pinturas, con diferentes pigmentos e distintas densidades. Isto permite que as obras cambien a medida que a pintura se vai asentando e secando. Non sabía que esta forma de traballar tiña un nome, pouring, pero paréceme moi interesante, consegues facer verdadeiras virguerías e penso continuar por aí; tamén con moita colaxe».

Esa arte fluída, co seu recurso a unha pintura líquida, é unha técnica que se brinda á abstracción. Unha tendencia que abraza a obra de Olalla, aínda que nunca se desprenda dunha certa ancoraxe figurativa. «Creo que é unha obra moi pegada á realidade, na que sempre hai un pouso de figuración». A salvaxe onda de incendios que se desatou no verán de 2006 sobre os montes de Galicia deu lugar, por exemplo, a unha colección particularmente poderosa, Trópicos entrópicos. O Prestige e o seu manto negro afloraron noutra peza coa que Olalla acudiu á bienal de Vilanova dá Cerveira. A traxedia das pateras axexa desde Outra mirada, a obra que está a piques de colgar en Caritarte, a exposición solidaria que cada Nadal se desprega en Arousa. O colectivo Galegos Koa Arte (Galeoska), do que forma parte, está a piques de desembarcar en Ribeira. O seu traballo pode apreciarse na Rosa Negra, de Vigo, no Peñón e na rotulación do Gotham, en Vilagarcía, ou na galería Gálicca de Santiago, física e virtualmente.