Vilagarcía abre o prazo de inscripción no campamento de Nadal

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

A actividade está dirixada a nenos de entre 3 e 7 anos de idade

04 dic 2021 . Actualizado ás 17:59 h.

A Concellería de Xuventude de Vilagarcía abre hoxe mesmo, 30 de novembro o prazo de inscrición no Campamento Urbano de Nadal para nenos e nenas de 3 a 7 anos de idade. O departamento que dirixe Alba Briones oferta 30 prazas gratuítas para esta nova edición do programa socio educativo e de conciliación familiar de cara ás vacacións escolares do Nadal. As solicitudes poderán presentarse ata o 10 de decembro.

O Campamento Urbano de Nadal celebrarase nas dependencias do CEIP da Escardia coincidindo co período vacacional nos colexios, e dicir, os días laborais comprendidos entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, en horario de mañá (de 9 a 14 horas). O programa inclúe obradoiros artísticos e creativos, manualidades, xogos guiados e libres e outras actividades. O servizo está dirixido aos nenos e nenas empadroados en Vilagarcía nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2017.

Os formularios de inscrición e as bases do campamento poden recollerse nas dependencias de Xuventude ou descargar da sede@vilagarcia.gal. Unha vez cubertos e coa documentación que se indica nas bases, deberán presentarse directamente a través da sese ou Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas.

As prazas adxudicaranse mediante rigorosa orde de entrada no Rexistro. En calquera caso, terán preferencia os fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e resérvanse 6 prazas para adxudicación dos Servizos Sociais municipais. No caso de haber máis inscricións que prazas ofertadas, elaborarase unha lista de agarda, tamén por orde de inscrición, para recorrer a ela en caso de producirse baixas.