Optimismo para encarar a saída do túnel

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Fernando Salgado, Alba Briones, Manuel García, Ramón Sarmiento e Ramón Vidal analizaron no Foro Voz «Vilagarcía 21 pola recuperación económica» as consecuencias económicas da pandemia e achegaron esperanza

21 jun 2021 . Actualizado ás 17:42 h.

Será difícil, xa o está sendo de feito, pero a sensación que deixou o foro que La Voz de Galicia organizou para analizar as claves da recuperación económica é que é conveniente ser optimistas porque xa se está vendo a luz que marca a saída do túnel. E a luz parece brillante e poderosa. La Voz reuniu a representantes de todos os axente sociais para debater sobre os retos que non agardan. No salón García estiveron a concelleira de Promoción Económica Alba Briones, o exconselleiro Fernando Salgado, o empresario Manuel García (director xeral de Tune Eureka) e os sindicalistas Ramón Sarmiento (CC.OO) e Ramón Vidal (UGT) nun debate que estivo moderado polo xornalista Carlos Crespo. Todos se mostraron moderadamente optimistas, pero tamén deixaron claro que se as cousas se fan mal perderemos unha oportunidade histórica.

Foi o alcalde de Vilagarcía o encargado de abrir o foro, que foi retransmitido a través das redes sociais de La Voz, para explicar que a iniciativa tiña como obxectivo crear un espazo de encontro no que se puidesen intercambiar ideas e debater propostas. «Abordamos neste foro o maior reto ao que os enfrontados a nivel global: a recuperación económica tras unha pandemia que, a maiores da traxedia humana que supuxo, orixinou unha crise mundial de dimensións colosais», apuntou Alberto Varela.

O rexedor subliñou a importancia de non quedar de brazos cruzado. A importancia de que as administracións públicas máis pequenas, as que están en primeira liña, actúen, «porque o tempo que tardemos en actuar é tempo perdido que nunca recuperaremos». Algo que, apunta Varela, fixo o Concello de Vilagarcía. «Dentro das nosas posibilidades decidimos poñer todos os medios e recursos dispoñibles en favor da reactivación económica. Atendendo nun primeiro momento as necesidades de extrema urxencias relacionadas coa crise sanitaria, fomos das primeiras administracións locais en adoptar medidas de calado económico para salvar aos sectores máis afectados polo paro da actividade produtiva do municipio», lembrou o alcalde.

E esa transcendencia das institucións foi o punto co que se abriu o debate. Alba Briones destacou a importancia desas administracións locais que foron o primeiro cravo ao que se agarraron os cidadáns. Uns primeiros momentos de dúbidas, con problemas cada día, e na que os concellos asumiron competencias que seguramente non lles correspondían que os obrigaron a un incuestionable esforzo financeiro, apuntou a concelleira.

Fernando Salgado resaltou a importancia de que os gobernos opten por decisións anticíclicas, ao contrario do que se fixo no 2008. «Hai que gastar, gastar e gastar, e gardar os recibos», dixo parafraseando a Kristalina Georgieva, directora xeral do Fondo Monetario Internacional. Ramón Sarmiento tamén subliñou a importancia das administracións locais que sería un erro, dixo, que non participaron na repartición dos fondos europeos. Ramón Vidal, pola súa banda, felicitouse pola acertada toma de decisións por parte do goberno central e lembrou, tamén, que aquela fórmula dos recortes foi todo o contrario a algo eficaz. O sindicalista, de todos os xeitos, aventurou unha saída da crise máis lenta dos que moitos predín e alertou sobre a posibilidade de que se aveciñe sen remisión un cambio no modelo produtivo. Manuel García, destacou a importancia que para as empresas ten que hai unha boa posibilidade de financiamento nos momentos duros.

E ao financiamento ás pequenas empresas e aos autónomos referiuse tamén Alberto Varela na súa intervención inicial. «En pleno confinamento o Concello de Vilagarcía xa tiña en marcha a primeira liña de axudas directas para autónomos, pequeno comercio e hostalaría locais á que destinamos 400.000 euros de fondos municipais, aos que sumamos outros 200.000 na edición de 2021. Case 800 persoas se acolleron a estas axudas directas que oscilan entre 300 e 800 euros», lembrou o rexedor.

O alcalde vilagarcián subliñou que medias similares e outras que xa están en marcha aparecen no plan de promoción e recuperación económica Vilagarcía 21. «É un plan ambicioso e transversal, que abarca todos os sectores no noso tecido socioeconómico, e que busca o aproveitamento das sinerxias e a potenciación de todos os recursos existentes e dende todos os ámbitos», dixo Varela. Un plan ao que se destinará algo máis dun millón de euros pero que para que poida funcionar destacou Varela dúas necesidades fundamentais. Por unha banda, debe ir acompañado do apoio das administracións superiores no que ao seu financiamento se refire. Polo outro, ten que contar coa implicación de todos os sectores e axentes económicos e sociais da cidade. «O noso principal obxectivo foi e segue sendo que ningún vilagarcián se quedara atrás nesta pandemia», concluíu.

A importancia da boa formación como gran arma contra o paro xuvenil

Houbo consenso: a FP dual debe ser un camiño a explorar con máis ansias

antonio garrido

«Formación e emprego van da man». A frase soltouna Manuel García, director xeral de Tune Eureka, no Foro Voz Vilagarcía 21 e non admitiu réplica porque todos os que alí estaban non podían máis que estar de acordo coa aseveración. Fernando Salgado deu varios datos que demostran que o asunto non é baladí. A taxa de paro xuvenil está nun 40% segundo apuntou o exconselleiro, pero esa taxa baixa ata entre un 8 e un 9% para quen cursaron a Formación Profesional. É dicir, Salgado deixou pistas de por onde debe ir o camiño e dixo máis. Deu máis pistas de por onde se debe intentar transitar, que non é outra vía, na súa opinión, que a FP dual, que en España soamente a cursan un 3% dos estudantes polo 70% que o fan en Alemaña , subliñou.

«Saber como se comporta ou mercado laboral é vital», insistiu Alba Briones. Vital para intentar liquidar esa secuela que supón o desemprego xuvenil, en opinión da concelleira de Promoción Económica vilagarciá. De feito, un dos propósitos, e das medidas, que puxo en marcha a concellaría que ela dirixe foron as reunións cos responsables das firmas industriais da comarca para coñecer as necesidades de emprego que teñen. Manuel García, por exemplo, apuntou que eses intercambios de información coas empresas son vitais e subliñou que en Tune Eureka a FP dual é un importante punto de apoio para a contratación de novos traballadores. «Recibimos alumnos que rematan de formarse con nós», subliñou. A partir de aí, o director xeral da firma vilagarciá tamén destacou que tan importante é a actitude como a aptitude.

E como se ve desde os sindicatos esta vía de incrementar a FP dual como camiño para intentar que non siga crecendo esa tara de paso xuvenil? Pois con optimismo, pero advertindo de que as cousas non saen porque si. «A administración ten que facer atractiva a formación dual», apuntou Ramón Vidal. Unha idea na que tamén insistiu Ramón Sarmiento, que puxo tamén sobre a mesa a precariedade no emprego como outro punto a mellorar. «Ninguén quere quedar a traballar en Galicia, porque é un salto de vallas», subliña Sarmiento, que insistiu en que o modelo de formación dual debe ser un punto de partida. E a investigación, outro. «Hai que investir en investigación», afirmou Ramón Vidal. «É o futuro», resolveu o secretario xeral de UGT en Arousa, Pontevedra e Deza.

As vantaxes e os riscos da dixitalización foi outro dos apartados sobre os que debateron os relatores do Foro Voz Vilagarcía 21. E aquí houbo diversidade de opinións. Ramón Vidal puxo o acento nunha das grandes cuestións que axexan ao traballo telemático e que non é outra que o asunto dos horarios. Fernando Salgado, pola súa banda, expuxo os proles e os contras do que cualificou como un proceso inevitable. Na parte boa, aventurou un incremento da produtividade, a palabra máxica nos últimos tempos; na banda contraria, a ameaza do desemprego. «Moitos traballadores non serán quen de adaptarse», afirmou, pero, a pesar de todo, declarouse optimista a medio e longo prazo.

Para Manuel García, a presencialidad é imprescindible, polo menos no seu sector. «As reunións presenciais son moi importantes», e puxo tamén o enfoque nos medios lembrando os problemas que tiveron durante moitos anos coa fibra óptica.

Ramón Sarmiento discrepou con algúns dos relatores. Sostivo, por exemplo, que o modelo cara ao que nos encamiñamos non ten por que derivar na destrución masiva de empregos, pero si que ten que estar gobernado desde un modelo social para que isto non ocorra.

A oficina tecnolóxica

E logo está a outra parte nesta historia. A do cidadán que se atopa cunha administración que é cada vez máis tecnolóxica. «Creamos unha oficina de atención dixital para axudar aos autónomos e a cidadanía que se ve excluída», expuxo Alba Briones sobre os plans que ten o Concello de Vilagarcía respecto diso.