O Coreti Rugbi Lalín pon en xogo o liderado do grupo ante o Santiago

La Voz LALÍN / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

miguel souto

08 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Coreti Rugbi Lalín afrontará esta fin de semana un triplo partido, cos seus dous equipos sénior en liza e os xogadores sub-14. Destaca o encontro en categoría masculina, onde os abellóns poden asegurarse o liderado do grupo Centro nesta primeira fase da liga se se impoñen hoxe (18.00 horas, estadio municipal Manuel Anxo Cortizo) ao Santiago Rugbi Club. Conseguirían ese obxectivo a falta aínda de dúas xornadas máis de competición.

O encontro para o cadro masculino preséntase complicado, tras conseguir na ida unha axustada vitoria na capital compostelá, nun duelo moi axustado que esixiu aos abellóns empregarse a fondo. Do Santiago destacaban onte a súa capacidade física, cunha boa adaptación ao regulamento atípico desta tempada por culpa da pandemia do covid-19, imprimindo dinamismo na saída do balón e en fases ofensivas.

O equipo adestrado por Ernesto Barboza intentará controlar o ritmo do encontro desde o inicio, con traballo ordenado en ataque e bos apoios para dominar a posesión do balón. En defensa, os dezáns deberán contrarrestar os ataques rivais con rigorosidade nos placajes e cunha boa colocación sobre o céspede. Están a se mostrar cada vez mais conjuntados e adaptados ao estilo de xogo do novo técnico do Coreti Rugbi Lalín.

A vitoria deixaría aos abellóns como líderes do seu grupo a falta de dous partidos. Mentres, unha derrota suporía que o bonus ofensivo quedaría a favor dos composteláns, que conseguirían ademais situarse na primeira posición. Haberá público nas bancadas previa inscrición ou no acceso pola porta traseira do campo de herba natural.

As mulleres, a domicilio

O Santiago Rugbi Club será tamén o rival para o conxunto feminino lalinense. O encontro comezará hoxe ás 16.30 horas e buscarán a súa segunda vitoria da tempada. Na anterior xornada habían perdido co CRAT coruñés pero ante as compostelás agárdase un partido igualado e con constante intercambio de posesións. O equipo adestrado por David Rivero está a mostrar unha constante progresión e unha vitoria aseguraríalles a segunda praza no grupo Norte. Os sub-14 xogan mañá en Vilagarcía ante Os Ingleses, actual líder do grupo.