Faustino Laya, o compañeiro que protexeu as fichas dos afiliados de UGT en Vilagarcía o 23F

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Faustino fue nombrado militante de honor del PSOE de Vilagarcía hace cinco años
Faustino foi nomeado militante de honra do PSOE de Vilagarcía fai cinco anos MARTINA MISER

Comprometido co movemento veciñal, militante do PSOE e por amais de todo sindicalista, Faustino ocultou aquel censo na súa propia casa

06 may 2021 . Actualizado ás 19:06 h.

Acaban de cumprirse cinco anos dun día que o fixo moi feliz. Faustino Laya Torreiro (Melide, 1939) foi nomeado militante de honra do PSOE de Vilagarcía na comida que o partido do puño e a rosa celebraba cada Primeiro de Maio na capital arousá antes de que o covid deixase tantas cousas en suspenso. «Mentres me aguanten seguirei botando unha man», prometía entón un home que, a pesar da súa temperá militancia socialista e a ter desempeñado a concellaría de Obras no primeiro goberno municipal tras a recuperación da democracia, sempre se considerou por amais de todo, mesmo do seu compromiso político, un sindicalista. Faustino acaba de falecer tras unha longa enfermidade na que se foi apagando.

Momentos bos, relataba fai uns anos, houbo uns cantos no transcurso dunha traxectoria de décadas de servizo colectivo na que, independentemente do seu paso polo Concello, ocupou a secretaría xeral da UGT en Arousa e un asento nas súas executivas durante longo tempo. O peor de todos o tiña moi claro. Cando o 23 de febreiro de 1981, un luns, Tejero irrompeu no Congreso pistola en man ao mando dunha partida de gardas civís, Faustino Laya estaba botando uns viños xunto a un grupo de amigos. «Saltou a noticia e fun á sede de UXT. Collín unha bolsa, metín as fichas dos afiliados e tróuxenas para a casa». O seu pai, de ideas socialistas, non lles ocultou o que sucedeu en Galicia coa feroz represión franquista desatada ao fío da Guerra Civil. Así que, temendo outro baño de horror e sangue, introduciu aquel censo nun barril, dentro da adega da súa casa, en Trabanca-Badiña , onde as fichas permaneceron «moi ben gardadas para que non as atopasen, ata que a cousa se foi estabilizando».

A súa familia e os seus amigos, o movemento veciñal ao que tanto esforzo dedicou, a UGT, o PSOE e o Concello -a súa filla Matilde é a actual concelleira de - Sanidadechoran a perda de alguén que estivo disposto a xogarlla para protexer aos seus compañeiros cando a ameaza negra e salvaxe chamou de novo á porta, coa mesma garra que el mesmo reclamaba na súa última entrevista para enfrontar as turbulencias deste tempo incerto.