No mercado de Vilagarcía: «Máis xente vese, e iso é bo, pero nós seguimos coas mans nos petos»

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONIC AIRAGO

«A alimentación vai tirando. Pero aínda así notamos a falta de clientes que nos viñan de Catoira, ou mesmo de Pontevedra, que tiveron que deixar de vir, claro»

28 feb 2021 . Actualizado ás 10:06 h.

Liberadas das fronteiras municipais, animadas polo bo tempo, foron moitas as persoas que retomaron unha das tradicións dos sábados arousáns: facer unha visita ao mercado de Vilagarcía. «Vese xente, máis xente, claro», din desde un posto de zapatos. «Pero de aí a que se animen a comprar...», comenta a muller que o atende. «Nada, nas vendas pouco se vai notando», completa a frase o seu compañeiro. A maioría dos ambulantes que plantaron os seus postos na contorna da praza de abastos de Vilagarcía comparten esa impresión. «Máis xente vese, e iso é bo, pero nós seguimos coas mans nos petos. Estamos a final de mes e iso sempre se nota», apuntan desde un posto de complementos. O da venda ambulante é outro sector que sufriu nas súas carnes a incidencia dos peches perimetrais, sumada no seu caso ao tren de temporais que levan golpeando Arousa desde hai meses. «A min dábame pena ver o mercado estas últimas semanas. Entre a choiva e que faltaban os clientes de fóra de Vilagarcía, era un desastre», comenta Silvia desde o posto de comida para levar que rexenta no exterior do edificio da praza. Ela é das que non se queixa. «A alimentación vai tirando. Pero aínda así notamos a falta de clientes que nos viñan de Catoira, ou mesmo de Pontevedra, que tiveron que deixar de vir, claro», relata. Tamén Araceli, no seu despacho de salgaduras e outros produtos galegos, botou de menos a boa parte dos seus compradores habituais. «Eu calculo que a facturación caeu ao redor dun setenta por cento», comenta desde un posto ao que acode xente de Caldas, Catoira, Valga ou Padrón. Confía en que todos eles volvan. E canto antes fágano, mellor.