A Fiscalía recoñece que carece de probas directas contra o policía xulgado por suborno

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

POOL / DAVID FREIRE

O ministerio público arremete contra a súa principal testemuña por «mentir», pero mantén a acusación contra o axente

26 ene 2021 . Actualizado ás 20:42 h.

A lectura dos informes finais que esgrimiron tanto a Fiscalía como a defensa deu termo ao xuízo contra o policía local de Vilagarcía acusado de percibir dous miles euros a cambio de facer desaparecer un expediente por alcoholemia. O seguinte paso darase este mércores, cando a maxistrada da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra entregue aos membros do xurado o obxecto do veredicto, para que conclúan se a acusación está ou non probada e procedan a emitir un fallo. A axencia EFE subliña que, a pesar de que recoñeceu expresamente que carecía de «probas directas», o ministerio fiscal mantén a súa acusación de suborno e a petición de catro anos e medio de prisión e nove de inhabilitación para o desempeño de cargos públicos. O avogado, pola súa banda, solicita a libre absolución do seu defendido.

A fiscal cualificou de «dificultade enorme» o feito de que a súa principal testemuña, a suposta vítima do suborno, asegurase o luns que non lembraba absolutamente nada acerca duns feitos que se remontan sete anos no tempo. Nin se coñecía ao axente, nin se foi obxecto dun control de alcoholemia cando conducía un automóbil de madrugada, nin sequera se chegou a denunciar que o policía lle pediu diñeiro a cambio de que a sanción non se tramitase. «Veu ao xuízo a mentir descaradamente», reprochoulle a representante do ministerio público por este episodio de amnesia, «coa maior desvergoña do mundo despois de denunciar con todo luxo de detalles» e ter ratificado a continuación o seu testemuño no xulgado número 1 de Vilagarcía.

A fiscala baséase na apreciación dun perito para rebater que, en realidade, o home padeza un problema de memoria, e sostén que este paso atrás se debe ao «medo». En calquera caso, está convencida de que o que denomina como «feitos periféricos» -o feito de que o axente realizase a proba de alcoholemia e asinase un atestado que non chegou ao xulgado nin figuraba no rexistro de saída das dependencias municipais, nas que a custodia deste tipo de documentación era un verdadeiro desastre- constitúen «rastros» suficientes «para demostrar que houbo suborno».

Todo o contrario manifestou o letrado do policía vilagarcián, que cualificou a causa de «cúmulo de despropósitos» e subliñou que a Fiscalía «non ten nin o máis mínimo elemento probatorio». Entre outras cuestións, lembra que a testemuña xa declarara ante o xulgado de Vilagarcía que non se acordaba de nada. Fronte á hipótese do medo, o avogado expón que ao home lle puido pesar unha cuestión de «conciencia que lle impedía continuar cunha mentira».

A última palabra tívoa o acusado, que se desculpou pola vehemencia coa que se expresou ante o tribunal: «Levo sete anos con isto. Póñanse tres minutos na miña situación», pediu ao xurado antes de que a presidenta lle chamase a atención por «tratar de facer unha alegación».