Chamada urxente de Zona Aberta pola situación dramática do comercio

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A asociación reitera que a adopción das restricións esixe axudas directas e redución de impostos

26 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras as novas restricións anunciadas onte, creceu a preocupación entre os pequenos comerciantes de Vilagarcía, as persoas que están a cargo de negocios cuxa facturación caeu, de media, entre un 40 e un 50 %, segundo os datos que baralla Zona Aberta. A asociación falaba onte da situación de asfixia dun sector vital para a economía da capital arousá. Desde a entidade que preside Rocío Louzán, indicaban onte que cumprirán coas restricións e a seguridade, pero que «necesitamos que estas restricións veñan acompañadas de axudas directas e de redución de impostos, xa que estes terían que ir relacionados ás restricións que estamos a sufrir. Se estamos ao 50 % de capacidade, póñannos os impostos ao 50%». E é que nestes momentos «os nosos gastos están a ser moi superiores aos nosos ingresos». «Os préstamos que recibimos témolos que empezar a pagar e non sabemos como imos facer; o único que conseguimos é endebedarnos máis», din desde a asociación. A mensaxe, en resumo, é claro. «Necesitamos axuda urxente e por iso reiteramos: máis axudas directas porque senón moitos de nós verémonos abocados ao peche e iso provocará a destrución de moitos dos empregos que xeramos».