Amigos de Galicia alerta de que a pandemia agrava o problema das persoas que morren en soidade

B. C. VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Brais Lorenzo

A entidade vai pór en marcha un programa piloto para axudar ao colectivo de maiores

20 ene 2021 . Actualizado ás 14:44 h.

Durante o pasado ano 2020, polo menos 35 persoas foron atopadas mortas nos seus domicilios en Galicia, na maioría dos casos polas forzas de seguridade ou os bombeiros, alertados por veciños que levaban tempo sen saber destas persoas ou polos malos cheiros que chegaban das súas vivendas.

No que vai de ano suman media ducia as persoas que foron achadas mortas nas súas casas, a maiores daquelas que pasan horas e ata días tiradas no chan como consecuencia dunha caída. E a pandemia non fai máis que agravar esta situación, «sendo as persoas maiores as máis afectadas, non só polo risco de contraer a enfermidade, senón por factores como o illamento social, o cambio de rutinas ou a exposición aos medios de comunicación con noticias tráxicas que afectan á súa saúde psicolóxica ocasionándolles estrés, inquedanza ou depresión», segundo traslada a Fundación Amigos de Galicia.

Ante esta situación, a entidade anuncia a posta en marcha dun programa piloto, coa colaboración de entidades veciñais e voluntarios, para prestar axuda aos maiores que viven sos. Recentemente, a fundación ampliou o departamento de traballo social coa incorporación de dúas traballadoras sociais, unha educadora social e unha psicóloga, grazas aos programas de cooperación da Xunta, «o que nos permitirá axudar a máis persoas». E nas súas previsións figura a firma dun convenio de colaboración co Colexio de Psicólogos de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela co mesmo fin.