Mon súmase ó novo proxecto do Arousa, do que se cae Pacheco

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIAN BAULDE

O club ten xa moi avanzados os capítulos de renovacións, de baixas e de descartes, e abrirá esta semana tamén o de reforzos

04 ago 2020 . Actualizado ás 21:48 h.

Os despachos da Lomba rexistraron este martes dous novos movementos no tocante á confección do cadro de persoal co que o pontevedrés Rafa Sáez contará na súa terceira tempada á fronte do vestiario do Arousa. Cunha renovación, a do mediocentro Mon, e cunha baixa, a do lateral dereito Pacheco.

Ao contrario cas tres saídas anteriormente anunciadas desde o club arlequinado, as de Dieste, Suso e Jorge Sáez, decididas polo adestrador, o de Pacheco é un adeus obrigado. Así, o Arousa explicou no comunicado da marcha do defensa que «debido á incompatibilidade coa súa vida laboral non pode aceptar a nosa proposta de renovación». Dito isto, os responsables da entidade vilagarciá quixeron salientar a «alegría, compañeirismo e vitalidade» de Pacheco, que «deixa unha grandísima pegada no vestiario arlequinado. Desde aquí desexámoslle a maior das sortes tanto na súa nova etapa deportiva como na súa vida persoal» tras poñer punto final a dúas tempadas defendendo a camisola do Arousa.

Polo que respecta a José Ramón Vives González, Mon, o mediocentro santiagués vivirá a súa primeira tempada completa no equipo vilagarcián, ao que chegou no peche do último mercado de inverno procedente do Compostela, equipo no que desenvolvera o groso da súa carreira como futbolista sénior, desde a tempada 2014/15. Mon asentouse desde o principio como pivote creativo no once titular de Rafa Sáez, disputando 504 minutos repartidos en 6 partidos de Liga desde a súa chegada ao vestiario da Lomba.

Rafa Sáez xa ten un «once»

Coa renovación de Mon, o adestrador do Arousa xa dispón dun once logo das renovacións anteriores de Manu Táboas, na portería, Adrián Gómez, Pedro García, Coti e Javi Fontán, na defensa, Sidibé e Julio Rey no centro do campo, e Róber, Javi Otero e Joel Sanabria na liña de ataque.

A falta de coñecer os destinos de Trapero, de Iago Martínez, de Manu Rodríguez e de Pedro Beda, o club anuncia o inminente peche dos primeiros reforzos.