A cooperación cidadá permite recuperar as dúas bicicletas roubadas a Veloso e a detención dun home polo caso

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

O ciclista profesional xa ten en casa a montura do seu equipo, e o luns recuperará a de BTT

02 jun 2020 . Actualizado ás 23:22 h.

«Onte cando me dixeron que recuperaran a bicicleta do equipo xa respirei un pouco». Cando un día despois, na tarde do sábado, a Policía Nacional enviáballe unha fotografía da súa outra montura de deseño exclusivo, a de BTT, roubada xunto á primeira na madrugada do domingo pasado na súa propia vivenda, Gustavo César Veloso acabou de recuperar a tranquilidade. 

O ciclista profesional vilagarcián, dobre campión da Volta a Portugal, ademais dunha xeral da Volta a Catalunya e unha etapa da Volta a España, ten xa na súa poder a bicicleta coa que compite nas filas do W52-F.C. Porto, e o luns acudirá á comisaría para levar a casa a de montaña. E todo, resalta, grazas en primeiro termo «á colaboración cidadá», que permitiu ademais a detención de polo menos un home relacionado co caso.

O esclarecemento do roubo comezou a avanzar o xoves. Ese día Veloso decatouse de que o martes recibira o correo dun particular informándolle de que vira a un home desprazarse coa súa bicicleta de estrada por Vilanova. «Dicíanme que o notificaran na Policía Local de Vilanova, e tamén como ía vestido, cun chándal». A cuestión é que o correo entrou na bandexa de spam, e non o descubriu ata dous días máis tarde.

A información, e a que proporcionaron máis particulares directamente á policía por mor da publicación nas redes sociais do corredor do roubo que sufrira uns días atrás, explica Gustavo César, permitiu dar o venres co paradoiro da bicicleta, unha Swift modelo Ultra Vox, que xunto á de BTT suman material de traballo por un valor superior aos 10.000 euros. «O venres chamoume a policía a iso das oito e cuarto da tarde para dicirme que recuperaran a bicicleta do equipo, eu inda estaba adestrando, e ás nove e media da noita fun recuperala». Unha primeira excelente noticia que non puido compartir publicamente porque, apunta o corredor, «as bicicletas non estaban xuntas, e se dicía algo o que as roubara podía desfacerse da outra».

Co primeiro paso dado, na tarde do sábado Veloso recibiu unha nova foto de comisaría, esta vez coa súa bici de BTT, que non lle deu tempo aínda de recuperar e que estaría en posesión dun home diferente ao que se paseaba coa de estrada. O que non apareceu aínda é o ciclocomputador da montura do W52-F.C. Porto, nin a caixa de ferramentas e repostos coa que se adestra o arousán.

«Ou paisano andaba cun 54x14»

Gustavo César recibira o xoves unha nova bicicleta do seu equipo, prevendo unha longa espera ata o esclarecemento do roubo. Un vehículo de substitución no que tan só rodou 2 quilómetros, ante o feliz e rápido desenlace, polo que o ciclista dá tamén as grazas á policía. 

O sábado Veloso tomouse o seu tempo para revisar a fondo o seu Swift Ultra Vox. «Inda me deu traballo, tiven que desmontar media bici», comenta. «Baixáronlle o sillín e desconectaron o cabo do cambio. O paisano andivo por ahí cun 54x14, un desarrollo moi pesado, porque seguramente non sabía como volver facer funcionar o cambio», relata Veloso. Nada que o vilagarcián tivese problema en resolver a base da súa pericia e experiencia coa mecánica ciclista. Peor foi que «o paisano debeu de apretar como un animal o sillín cando o baixou, como se fose de ferro, cando ten unha abrazadeira de aluminio, e rompeu o peche».