O Torneo Cidade de Vilagarcía será tamén prebenxamín, e terá previa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A primeira fase benxamín, con 40 equipos, xogaráse na Semana Santa, e a final o 29, 30 e 31 de maio. Ramiro Carregal e Juan Cambre, presidente de honra e padriño

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Haberá que agardar inda varias semanas para coñecer os grandes nomes do cartel da novena edición do Torneo Internacional Cidade de Vilagarcía máis aló dos do Atlético de Madrid e Benfica, desvelados onte por Rodrigo Lojo, director do campionato. Pero o Arousa, titular da cita benxamín, quixo adiantar xa varias das grandes novidades do evento. A primeira, que desde este ano pasará a contar cun segundo cadro, prebenxamín. O outro gran titular, que o Torneo Cidade de Vilagarcía contará cunha fase previa, coa que se «tratará de aumentar el nivel competitivo, y darle más vistosidad», explicou Lojo.

Dita fase previa disputaráse na Semana Santa, e contará con 40 aspirantes a 10 prazas na fase final, esta última programada para os días 29, 30 e 31 de maio, con equipos de Primeira e de Segunda División copando o groso das prazas por invitación directa da organización. Os partidos terán o Campo Municipal Manuel Jiménez como escenario.

O anuncio destas grandes novidades veu acompañado da comunicación do nomeamento de Ramiro Carregal como presidente de honra do Torneo Internacional Cidade de Vilagarcía, xunto coa elección de Juan Cambre como padriño da novena edición.

Ambos os dous persoeiros estiveron presentes na rolda de prensa nas oficinas do Arousa na Lomba. Os dous, xogadores no seu momento da canteira arlequinada. Un, Carregal, propietario da conserveira Frinsa e filántropo colaborador con case 200 entidades sen ánimo de lucro nas dúas beiras da ría de Arousa, cun pé na súa Vilagarcía natal e outro en Ribeira, onde ergueu a súa empresa. Cambre, futbolista do Leixões luso nas tempadas 1964/65 e 1965/66, co que chegou xogar a Uefa antes da súa prematura retirada con só 20 anos. Os dous acudiron encantados ao acto de presentación na Lomba.