A biblioteca de Vilagarcía recibe o libro de Fundiciones Rey

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O libro «Fundiciones Rey 1944-2019», publicado pola senlleira empresa vilagarciá con motivo do seu 75 aniversario, xa se atopa a disposición de todos os cidadáns na biblioteca e nas axencias de Lectura de Vilagarcía. A familia Rey decidiu doar ao Concello oito exemplares efectos de que todos os veciños interesados poidan ter acceso a el, xa que, ao tratarse dunha edición especial e conmemorativa, non está á venta.

Deste xeito, a biblioteca Rosalía de Castro incorpora ao seu Fondo Histórico Local un título que non só conta a historia e evolución dunha das empresas locais máis antigas da cidade, senón que tamén ilustra case dous séculos dunha parte da historia do municipio e, especialmente, a importancia que tivo a industria metalúrxica. Debido ao seu valor, tamén se remitiron catro exemplares á biblioteca nacional.

Elías Cochón Rey fixo entrega da doazón á concelleira de Cultura, Sonia Outón, que agradeceu o xesto «polo rigor e gran valor documental que teñen os contidos deste libro, que descubre aspectos da nosa cidade descoñecidos para moitos».

Máis da metade do libro céntrase en describir e documentar as orixes e evolución da industria da fundición en Galicia e o gran peso que tivo en Vilagarcía dende principios do século XIX, comezando en Carril coa fábrica de Luis de la Riva e a súa vinculación con Sargadelos, e co florecemento da siderurxia coa aparición doutras moitas empresas, como «a fábrica dos ingleses» ou a de Alemparte, á que seguiron Fundiciones San Roque e Fundiciones Rey.

Neste contexto, a última parte lo libro explica os inicios de Fundiciones Rey en 1944, a súa consolidación coa segunda xeración familiar e a orientación cara o sector industrial, e o novo enfoque dado pola terceira xeraciónl. Por último, compre salientar o apartado dedicado á relación de Fundiciones Rey co mundo do arte, a través dos traballos levados a cabo para plasmar en metal a obra de diversos escultores e cuxas pezas realzan espazos públicos. En Vilagarcía, por exemplo, a Porta da Luz Salgada de Manolo Chazo ou monumento a Miguel Hernández, de Emilio Mosquera. Desta relación coa arte dou conta unha exposición que tivo lugar en Vilagarcía o ano pasado.