A Torre estrea a ampliación do acceso ao barrio na curva da Golpelleira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A demolición dunha vivenda en ruínas, o retranqueo do muro e o acondicionamento da calzada permitiron a consecución desa beirarrúa

08 dic 2019 . Actualizado ás 18:58 h.

Subir ou baixar camiñando do barrio da Torre, en Vilagarcía, supuxo durante demasiado tempo un arriscado exercicio. A estreiteza do principal dos seus accesos, o que o comunica coa zona da estación de autobuses, sobre todo na curva que a estrada traza xunto ao pazo da Golpelleira, impedía a habilitación dun espazo de beirarrúas que salvagardase aos peóns da circulación rodada, en ocasións moi intensa. Desde esta semana, os veciños poden aforrarse moitos sustos grazas á conclusión dos traballos de ampliación deste tramo de vía.

A demolición dunha vivenda en ruínas, o retranqueo do muro e o acondicionamento da calzada permitiron a consecución desa beirarrúa, ademais dunha maior marxe para que dous vehículos poidan cruzarse. A casa foi adquirida por dez mil euros, e os terreos, conseguidos de forma gratuíta a través dun convenio de colaboración. A obra incluíu o soterramento do cableado eléctrico e a instalación de catro luminarias.