Vilagarcía, capital do viño independente con Castes

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Un total de 73 adegas participan neste certame, que incluirá a entrega dos Mágnum

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Castes volverá converter a Vilagarcía na capital do viño independente. A feira celebra unha nova edición con dous grandes atractivos: a entrega dos premios Mágnum e a presenza de 73 adegas chegadas de toda España e doutros países europeos. O recinto abrirá as súas portas o domingo , nos locais da praza de abastos, a partir das 12.30 horas.

 Mañá, as actividades trasladaranse ao salón de plenos do Concello de Vilagarcía, onde se celebrará a entrega dos premios Mágnum que concede o Instituto Galego do Viño. Por segundo ano consecutivo, a cidade acollerá estes galardóns, cos que se recoñece o labor de adegas e institucións, pero tamén a de restaurantes e catadores que coidan de forma especial o viño galego. A cita dará comezo ás oito da tarde, cunha recepción aos representantes de todas as adegas que participan na feira Castes.

Á convocatoria deste ano concorren varias adegas de Rías Baixas, como Gerardo Méndez, Attis e Lagar de Pintos, que competirán con Fazenda Pradio e Rafael Palacios. Na categoría de mellor viño están nomeados Do Ferreiro Adina 2016, O Diviso 2014, Xanledo 2016, A Graña e Bastardo 2016. No que a viño relevación refírese, os aspirantes ao galardón son Sorte Antiga 2016, Narupa Salicornia 2017, Augalevada Crianza Biolóxica 2017, Aliaxe 2016 e Namorado 2016.

Segundo o presidente do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, a razón de que estes premios se entreguen na capital arousá, no marco da feira Castes, é que este certame foi capaz de converter a «Vilagarcía na capital do viño de Galicia, xa que non hai en toda a comunidade ningún outro evento deste nivel e que aposte por un valor en alza como é a globalización, á que ou sector do viño chegou de xeito tardío, pero que ten efectos imparables».

A feira abrirá as súas portas o domingo na praza de abastos, a partir das 12.30 horas, para que o público que o desexe acuda a probar os viños e asista ás actividades divulgativas e formativas que se celebrarán durante a xornada. Entre elas inclúese o segundo campionato internacional Castes de cata por equipos, que se celebrará entre as nove e as once da mañá. A feira pechará ás oito da tarde.