Castes desvelará en Vilagarcía os gañadores duns Mágnum con acento arousán

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Setenta adegas estarán presentes na degustación do domingo

12 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Instituto Galego do Viño celebra esta fin de semana unha nova entrega dos seus premios Mágnum, que queren recoñecer ás mellores adegas, viños e profesionais relacionados co mundo do viño galego. O nome dos gañadores darase a coñecer o sábado, desde as 20.30, nun acto no marco de Castes, unha feira independente que se organiza na praza de abastos de Vilagarcía e na que se darán cita 70 adegas da comunidade.

Na categoría de mellor viño compiten Do Ferreiro Adina 2016, un Rías Baixas da adega meañesa Gerardo Méndez, co Diviso 2014, un Valdeorras de Telmo Rodríguez. Tamén entre os nomeados, o ribeiro Xanledo 2016, A Graña, un albariño sen denominación de orixe, e Bastardo 2016, amparado pola denominación de orixe Douro.

No que a viño relevación refírese, os aspirantes ao galardón son Sorte Antiga 2016, de Rafael Palacios, Narupa Salicornia 2017, un albariño de Rías Baixas, Augalevada Crianza Biolóxica 2017, do Ribeiro, Aliaxe 2016, un albariño son denominación de orixe, e Namorado 2016, un tinto da IXP Ribeiras do Morrazo.

Como mellor adega, o xurado seleccionou a tres da denominación de orixe Rías Baixas, Gerardo Méndez (Meaño), Attis (Meaño) e Lagar de Pintos (Ribadumia); de Valdeorras está Rafael Palacios e por Ribeira Sacra, Fazenda Pradío.

Os Mágnum inclúen tamén un galardón á mellor iniciativa enoturística, que neste caso se disputan a concellaría de Enoturismo de Cambados , o Festival Ribeira Sacra, o Museo do Viño de Galicia, o Museo da Ciencia do Viño e o festival que acolle a entrega dos premios, o Castes.