Nachortas, o home que ensinou os caracois a cantar

Serxio González Souto
serxio gonzález CATOIRA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O lapis e un sentido do humor fino, negro e surrealista foron as ferramentas coas que Nachortas retratou Arousa e o mundo

13 oct 2019 . Actualizado ás 19:00 h.

Xa non lembro moi ben canto, porque o tempo pasa para todos, pero creo que foron uns dez anos os que tiven a oportunidade de erguer case cada día o teléfono, pouco antes do xantar, para relatarlle a Nachortas as noticias, reportaxes e entrevistas coas que La Voz de Arousa ía recollendo a realidade desta bisbarra e das súas xentes. Tratábase de chegar a un acordo para que o debuxante vestise algúns daqueles temas coas súas viñetas reviradas ou amables, segundo o caso, pero sempre intelixentes e afiadas. Será moi difícil que esqueza aquelas breves conversas que comezaban do mesmo xeito, «Que tal, chaval?», para rematar como tiñan que rematar, enchoupadas de surrealismo cotiá.

O noso home naceu en 1954 nos Cármenes, unha poboación leonesa á que a súa familia chegara seguindo a carreira do seu pai, garda civil, de posto en posto ata o destino final. Parou en Ourense e Santiago antes de recalar á beira da ría. En Vilagarcía, primeiro, e xa para os restos en Catoira, xunto a súa muller, Élida, e os seus fillos, Martiño e Ignacio. Nachortas traballou como funcionario da Consellería do Mar, pero non creo que iso puidese definilo de ningún xeito. Si, porén, a súa afección pola lectura diaria da prensa, fonte fabulosa de inspiración para un ollo adestrado na procura dos tres pes á realidade.

Xosé Lois, O Carrabouxo, amigo entrañable, salienta que o seu compadre meteu o lapis en toda canta revista tentou acadar algo tan razoable e complicado como a normalización do humor gráfico galego. Can sen Doo, Golfiño, Barbaña Cómix, Xó!, Valiundiez e ata unha especie de escola de debuxantes que puxo en pe en Ourense, man a man con Bieito Losada. Entrementres chegou o tempo dos xornais. Do Diario 16, o Diario de Galicia, Sermos e La Voz de Galicia, que foi a súa casa ata o final. Hoxe mesmo, o suplemento Mercados publica a súa derradeira viñeta, sempre eses esmoleiros de can e escopeta que lle dan a volta os números da grande economía nun contrapunto de ácida humanidade. A obra, como se ve, sobrevívelle xa, de boas a primeiras, o seu autor, que non por nada ten presenza permanente no Museo do Humor de Fene.

A ocorrencia do PP de poñer á súa fronte en Catoira un home chamado Lucindo Costa en plena crise do Prestige; a teima co elevador para o Casino de Vilagarcía, na que se deixaba notar a pegada incesante de Manolo Koso; unha boa lamprea en Casa Emilio... Algúns de tantos momentos que, como sentenciara aquel replicante, hanse perder coma pingas de Barrantes nunha cunca de tinto. Nachortas, lembra O Carrabouxo, chegou a descubrir o xeito no que cantan os caracois: un alalá feito de xestos sen música porque, como todo o mundo coñece, os caracois non saben cantar.

 O derradeiro chisco de Nachortas. In memoriam

Nachortas