Santa Rita, da devoción á festa

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Vilagarcía viviu onte un mércores que sabía a domingo, coas rúas cheas de xente e moitas cousas para os nenos

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xornada de devoción e xornada, tamén, de cochitos, doces e feira. Vilagarcía viviu onte o día grande das festas de Santa Rita. Fíxoo nun ambiente primaveral, porque a pesar dos agoiros dalgúns, o sol brillou da mañá á noite e o termómetro rexistrou unhas temperaturas en grao sumo agradables. O escenario ideal para que moitos lucisen a roupa comprada para a ocasión e para que os máis pequenos desen renda solta ás súas enerxías nas múltiples actividades que onte se despregaban ante os seus ollos.

A axenda

Para os pequenos, o mellor de Santa Rita está, precisamente, nas atraccións que cobren a chaira TIR, nos xogos que ofrece a Feira Celta ou nas actividades organizadas na chaira do auditorio. Un catálogo interminable de cousas divertidas que deberá alimentar os seus espíritos inquedos ata a celebración de San Roque.

Para os maiores, a festa ten outros atractivos. Os postos do polbo, instalados na zona de Vista Alegre, os encontros con amigos nas poboadas terrazas dos bares, e en definitiva a festa, co seu sabor a rosquillas e os seus brindes.

Pero Santa Rita segue sendo unha celebración cun vigoroso compoñente relixioso. Porque a patroa dos imposibles é unha santa venerada e querida por veciños da capital arousá e de moitos municipios da contorna. Por iso as misas que se celebran durante toda a xornada se enchen, xerando unha marea constante de persoas indo e vindo da zona de Vista Alegre. Ás oito da tarde, a procesión percorreu as rúas da cidade, como sempre. Coas bombas anunciando a marcha, hai quen non lla perde por nada.

Hoxe, facendo un esforzo, Vilagarcía recuperará o pulso dos días de semana. Atrás quedan varios días de festa e actividades.