O orgulloso xuvenil con ganas de traballar inda máis

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Raúl Gómez Martiñán, primeiro canteirán do Arousa en debutar este curso na Terceira División

26 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Corría o minuto 67 de partido, e Rafa Sáez estimou que o seu equipo precisaba homes de refresco que mantiveran a intensidade precisa para blindar o triunfo ante unha U.D. Ourense que comezaba a pisar o acelerador para tentar evitar a súa cuarta derrota consecutiva. Con Javi Nogueira e con Quique Cubas no banco, o técnico do Arousa optou por tirar dun dos seus dous recambios de campo xuvenís como primeira opción. E así foi como Raúl Gómez Martiñán (27/VIII/2002) debutou na Terceira.

Raúl comezou ante a U.D. Ourense en labores de mediapunta a carón de Julio Rey, para rematar retrasado xunto a Trapero nunha posición, a de mediocentro, que é a que adoita desenvolver no conxunto de Liga Nacional Xuvenil.

De Caldas de Reis, Raúl iniciouse con 3 ou 4 anos no Barro, lembraba onte, para pasar a tempada seguinte ao Caldas e ser captado polo Arousa tras brillar no Torneo Cidade de Vilagarcía Benxamín. Logo de pasar polas mans de Eduardo Carregal, de David Pérez, de Tino Buján, e de Unai Bermúdez, despois de dous escasos meses ás ordes de Nico Marín no xuvenil B, con só 16 anos Miguel Villaverde reclamouno para o xuvenil A de Liga Nacional, que está a sufrir na pelexa pola permanencia. E desde decembro é, xunto co lateral Antón Durán, practicamente un máis no cadro de persoal de Rafa Sáez, co que traballan todos os mércores e xoves, cando non os catro días da semana.

Tras xogar os dous partidos de Copa Deputación, e ser convocado ante o Bergantiños, Raúl comenta que vivíu a súa estrea na Terceira «con moita ilusión e orgullo», agradecido pola axuda dos compañeiros á hora de calmar os nevios -«falan contigo, danche consellos, fan que che sintas máis tranquilo», di-.

Sendo «especial» o feito de ter sido o primeiro xuvenil do club en debutar este curso na Terceira, Raúl asume as palabras que lle trasladou Sáez ao rematar o partido: «Díxome que era un premio, que mo merecía; e que agora debo traballar máis que nunca».