Os médicos de San Roque perden o 30 % do seu tempo en burocracia

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os facultativos piden cambios de calado para desatascar as áreas de pediatría e atención primaria

15 feb 2019 . Actualizado ás 20:20 h.

Coa sanidade pública en plena efervescencia polo pulso que o persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) mantén para garantir a calidade do sistema, os médicos do centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía, crearon un grupo de traballo a fin de contribuír á definición dun novo modelo de prestacións. Entre as súas conclusións subliñan dous puntos que, en opinión dos facultativos, explican en boa medida a saturación das áreas de atención primaria e pediatría. Para empezar, o elevado número de consultas sen cita previa que os profesionais ven obrigados a atender cada día, sen que exista un mecanismo para discriminar a gravidade que presenta cada caso e permita canalizalo de forma eficaz. Sorprende , a continuación, a elevadísima carga burocrática que asumen os médicos: «Algunas actividades burocráticas e outras tarefas que realizamos por derivación ocupan ata un 30 % do noso tempo en consulta».

Os facultativos elaboraron un documento no que recollen unha trintena de medidas de calado que impulsen un cambio funcional que polo seu alcance non só se limitaría ao ambulatorio de Vilagarcía. Destacan, entre elas, a petición de que se contrate un equipo, formado por dous médicos e dúas enfermeiras que traballen desde as actuais instalacións de urxencias, no propio centro de saúde, para clasificar as demandas daqueles pacientes que acoden sen cita, en función da súa prioridade. Trátase, sosteñen, «dunha medida imprescindible para garantir a calidade da asistencia».

Por outra banda, e con toda a lóxica, posto que un profesional sanitario non é un condutor acreditado neste tipo de tarefas, o grupo ve absolutamente ilóxico, perigoso e mesmo ilegal que os facultativos se vexan obrigados ultimamente a empregar os seus propios vehículos cando deben acudir a unha asistencia urxente fose do ambulatorio.

Tarefas sen sentido

Volvendo ao principio, a verdade é que o peso da burocracia nas consultas de atención primaria e pediatría dá que pensar. Receitas que podería asumir o persoal de atención especializada, xustificantes para escolares que deberían acreditar os pais ou titores dos rapaces, consultas de retorno desde urxencias ou especialistas para derivacións que poderían decidirse directamente en ambos os servizos, peticións de transporte sanitario non urxente ou informes para asistencia domiciliaria e ingresos en residencias xeriátricas que terían que asumir outros departamentos do Sergas son só algunhas das tarefas que sobrecargando aos denominados médicos de familia sen verdadeira necesidade, restándolles a terceira parte do seu valioso tempo de consulta.

Especialistas en pediatría

Polo que respecta á pediatría, os facultativos propoñen que se integre a atención primaria coa especializada (os especialistas do hospital deberían pasar consulta en San Roque, xa que os pediatras do ambulatorio si fan gardas no hospital), a figura do pediatra itinerante de Catoira tería que ser substituída por unha praza de médico estable, sería necesaria a concentración de enfermeiros e enfermeiras, canto menos con experiencia nesta área, así como incrementar o cadro de persoal nos períodos de maior demanda e prolongar a xornada en horario de tarde en ausencia de substitutos.

O persoal sanitario tamén subliña a deterioración que sofre o centro de saúde

Para rematar, e aínda que se trata dunha cuestión allea aos problemas organizativos, o grupo de traballo de San Roque lembra que se trata do centro de saúde máis importante da comarca do Salnés e que as súas condicións materiais tampouco son as idóneas. «Xunto coas eivas manifestadas, que impiden ofrecer un servizo asistencial de calidade aos usuarios e usuarias, conviven outros problemas estruturais e de deterioro funcional das instalacións que fan moi precario o noso funcionamento». A pesar diso, o Sergas reiterou esta semana, a preguntas do grupo parlamentario de En Marea, que non prevé construír un novo ambulatorio en Vilagarcía, alegando que non ten terreos á súa disposición. Os médicos insisten en que lles move «a máxima implicación na procura de solucións para promover un modelo asistencial máis acaído e eficiente».