O amor viaxa en carta

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A Mesa dás Verbas e o Centro Comercial Arousa convocan un concurso co gallo de San Valentín

11 feb 2019 . Actualizado ás 11:24 h.

Xa non se escriben cartas. Xa ninguén se senta ante un papel en branco e, ben coidando a letra, ben descoidándoa por completo (hai momentos nos que as emocións son incontrolables), intenta converter en palabras as experiencias vividas, os sentimentos, as emocións. Xa non se escriben cartas, e menos cartas de amor, desas que se abrían e devorábanse. Das que se lían dun grolo. Das que se relían unha e mil veces. Recuperar ese subgénero epistolar parece unha tarefa imposible. Pero coa celebración do San Valentín, algúns románticos inténtano. En Vilagarcía, A Mesa dás Verbas e o Centro Comercial organizaron un concurso de cartas de amor. Premiaranse tres cartas, as tres cun vale de compra de 50 euros. 

Os interesado en pór a proba os seus dotes literarios teñen de prazo para presentar os seus textos ata o 14 de febreiro (ese día tamén se recollerán). Teñen que depositalos nunha urna que hai no centro comercial. O venres reunirase o xurado. Os premios daranse a coñecer ao día seguinte, o sábado, ás 21 horas na sala de xuntas, durante a reunión habitual dos integrantes do colectivo poético A Mesa dás Verbas.