Susto cun ladrón que se arrepentiu e volven roubar nun restaurante en menos dun mes

Antonio Garrido Viñas
a. garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O caco pretendía entrar en Lamarka, pero depuxo a súa actitude cando viu que había xente no seu interior. No Mare Bello roubaron esta noite a recadación da máquina comecartos

24 ene 2019 . Actualizado ás 20:42 h.

Non foi ás tres da mañá. Sucedeu ás sete e cuarto da tarde na rúa Agustín Romero , a un paso da rotonda da Marina Española. A esa hora, as cámaras do establecemento Lamarka captaron como un individuo encapuchado, coa cara cuberta e unhas luvas intentaba entrar no establecemento. O suposto ladrón arrepentiuse e depuxo a súa actitude cando botou unha ollada ao interior da tenda e viu que había xente.

Era un dos propietarios do establecemento quen estaba no mostrador porque se deu a casualidade de que o martes saíron da tenda máis tarde do habitual. Normalmente pechan ás sete, pero ese día atrasáronse. Cando o home escoitou o ruído dirixiuse á porta, pensando que se podía tratar dalgún cliente, pero cando a abriu viu como un mozo se escapaba correndo. Non lle deu máis importancia ao que consideraban como unha mera anécdota ata que botou unha ollada ás cámaras de vixilancia que teñen no local e comprobou o que realmente pasara. Foi entón cando avisou á Policía, pero xa transcorrera demasiado tempo desde o incidente e o individuo puxera pés en polvorosa.

«Vendo o que está a pasar ultimamente en Vilagarcía unha xa non sabe que facer», explica Débora, unha das propietarias do establecemento. Lamarka leva trece anos coas portas abertas en Vilagarcía e é a primeira vez que sofre un incidente dese tipo. Os seus responsables creen que o arrepentido ladrón coñecía perfectamente os seus horarios e que os estivo vixiando nos últimos días.

No restaurante Mare Bello  non tiveron tanta sorte. Un ladrón ou ladróns entraron esta noite no local situado na rúa Rodrigo de Mendoza de Vilagarcía e levaron a recadación da máquina comecartos. Para iso forzaron o enreixado da entrada. É o segundo roubo destas características que sofre en menos dun mes.