Cinco empresas optan a reformar o vello edificio de Aduanas no Ramal

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A obra acabará coas filtracións de auga procedentes do exterior

16 ene 2019 . Actualizado ás 13:58 h.

O Concello de Vilagarcía celebrou as dúas primeiras mesas de contratación para a adxudicación dos traballos de mellora do edificio do centro sociocomunitario do Ramal e do ensanche e a dotación de saneamento no camiño do Lago, en Castroagudín. Son cinco as empresas que presentaron as súas ofertas para os traballos no Ramal, que teñen un orzamento de 58.000 euros. No caso do Lago hai trece asinas interesadas e as obras teñen un orzamento de 49.668 euros.

O proxecto para o edificio do Ramal foi elaborado polo Concello e ten como obxectivo acabar cos problemas de humidades e filtracións que presenta a instalación. O edificio, que é de titularidade municipal aínda que desde hai anos Ravella comparte a súa utilización coa Consellería de Benestar da Xunta, está incluído no Catálogo de Bens a Protexer. Agora mesmo funciona como centro sociocomunitario e hai nel diversos servizos de carácter social e para as persoas maiores.

As filtracións teñen a súa orixe nas cornixas dos muros. Para acabar con elas instalarase unha chapa de zinc que facilite a evacuación das augas cara a fóra. Ademais, levantarase o pavimento das terrazas do ático, que presentan un pésimo estado posto que sobre elas crece moita vexetación que obstaculiza os desaugadoiros. Instalarase unha lámina impermeabilizante e arranxaranse as baixantes.

As humidades que hai nos tabiques interiores arranxaranse localizando e arranxando os puntos de fuga das tubaxes da auga e da calefacción. Reporanse os tabiques e substituiranse os falsos teitos en mal estado. En canto ao exterior do edificio, restaurarase a antiga carpintería exterior de madeira do ático, así como as varandas de ferro dos balcóns.Para financiar estes traballos, o Concello conta cunha subvención de 27.923 euros da Deputación.

Polo que respecta á actuación no camiño do Lago, esta obra inclúese no plan de mellora de infraestruturas do rural que está realizando o Concello. A actuación é demandada polos veciños porque, debido á estreiteza que presenta agora o viario, teñen serios problemas para acceder cos seus vehículos ás vivendas.

A actuación prevé actuar ao longo dos 114 metros do camiño e será necesario facer un desmonte e e construír un muro de contención desa lonxitude para asegurar a estabilidade do talude. 

Aproveitando esta obra, o Concello pretende tamén ampliar a rede de saneamento de Castroagudín. Para iso instalará os tubos que conectarán co que dá servizo á parroquia. Instalarase un colector de 315 milímetros de diámetro e de cen metros de lonxitude.