Alfonso Galego: «Estamos fartos de formigón e de mentiras»

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Miguel Ángel García dirixirá a campaña do PP de Vilagarcía

13 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O PP de Vilagarcía acendeu os motores da precampaña. O candidato e presidente do partido, Alfonso Galego, e o director do comité de campaña, Miguel Ángel García, compareceron este sábado para informar os eixos sobre os que pivotará a mensaxe electoral do partido, e o principal será o emprego. «A todos nos gustan as prazas chulas, pero hai outras necesidades que non están cubertas en materia de tráfico, seguridade, limpeza e, sobre todo, o emprego. Esa é nosa principal laxa. Alberto Varela fai obras que ninguén lle pide e nós facemos políticas pensando nas persoas e nas súas necesidades», segundo indicou García. Os populares anuncian ilusión e traballo «co obxectivo de que Vilagarcía teña o alcalde que se merece» e din estar preparados para dar o salto á alcaldía.

Na comparecencia de onte, os populares non deixaron de criticar a xestión do goberno local. «Estamos fartos de formigón, de mentiras e da falta de respecto do goberno socialista» e, fronte a iso, engadiu Galego, o PP ofrece transparencia e responsabilidade. «Vilagarcía xa perdeu catro anos con Alberto Varela en Ravella».

Unha vez feita a presentación do director de campaña, a próxima semana reunirase o comité electoral e será a partir dese momento cando se perfile a lista que concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio. Ata entón, o partido só avanza que a candidatura conxugará experiencia e renovación e que terá como máxima a seguir o traballo en equipo. Ese traballo, explican, xa se iniciou hai dous anos, cando Alfonso Galego se fixo coas rendas do partido. «Somos os primeiros en mover ficha á hora de abrir a precampaña, os primeiros en renovarnos e os primeiros en presentarnos nas parroquias. Temos unha radiografía feita e un diagnóstico contratado para recuperar a saúde da que ten que ser a oitava cidade de Galicia».