PP e EU esixen a Ravella que non recoloque baixo a escola infantil de Vilaxoán o transformador de Fenosa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

13 dic 2018 . Actualizado ás 12:53 h.

Hai uns días, Ravella anunciaba que acadara un acordo con Fenosa para recolocar, baixo a nova escola infantil de Vilaxoán, o transformador que agora está xunto ao lavadoiro. Aquel anuncio tivo reaccións. Tanto o PP como Esquerda Unida saíron onte á palestra para pedir ao goberno local que reconsidere esa solución. Ambas as formacións pronúncianse despois de que, esta mesma semana, fose preciso desaloxar un colexio de Pontevedra por mor dun incendio rexistrado nun transformador similar. Á vez que na capital da provincia hase tomado o acordo de retiralo debido ao perigo que entraña, «en Vilagarcía ocórreselles facer o mesma nunha escola infantil. É unha temeridade», sinalou o presidente do PP, Alfonso Galego. «Non se pode pór en risco á cidadanía, e neste caso, con nenos de cero a tres anos, hai que eliminar calquera risco», sentencian desde filas populares, desde onde tamén recoñecen a necesidade de trasladar o transformador do seu actual emprazamento. Pero non baixo a escola infantil.

Esquerda Unida tamén está radicalmente en contra da localización elixida por Ravella. Os esquerdistas apelan á «prudencia», ao «sentido común» e ao «dereito de protección da infancia» para reclamar que se lle busque outro sitio ao transformador eléctrico. A formación insta o executivo a «recapacitar e a dar marcha atrás na súa decisión» e destaca o complicado que resultaría «unha evacuación como a que se produciu en Pontevedra no caso dun centro como o de Vilaxoán, destinado a nenas e nenos de cero a tres anos». EU tamén quere «que se teña en conta, igualmente, o risco de emisións de radiación».