«Os traxes non fan milagres. Pero é coma se o fisioterapeuta contase con catro mans»

m.?h. PONTEVEDRA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

RAMON LEIRO

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Amencer, con centros en Pontevedra e Vilagarcía, vai ter traxes de superheroes -equipamento ortopédico- para aplicar unha pioneira terapia. En realidade, faltábanlles os traxes. Porque Amencer é un deses sitios cheos de superheroes de carne e óso. O son os usuarios, con parálise cerebral, que traballan para superarse a si mesmos desde nenos, e o son os profesionais, cunha dedicación que vai moito máis alá da dun traballador normal e corrente. María Bernárdez, fisioterapeuta, é unha desas superheroínas de Amencer. Ela será quen se encargue de coordinar o traballo cos citados traxes, da aplicación do Spidersuit. María fala claro: «Os traxes non fan milagres. Pero é coma se o fisioterapeuta contase con catro mans, é unha ferramenta máis, moi potente». Explica que axuda a estabilizar segmentos corporais, corrixir posturas, mellorar o ton muscular... e moitas máis cousas. Pódese aplicar a partir dos tres anos. Haberá a quen lle axude a camiñar, a quen lle facilite sentarse ou a quen lle permita «darse a volta na cama, algo vital porque permite que unha persoa poida durmir sen que ninguén teña que movela».