Viaxe pola Vilagarcía do mañá desde A Independencia

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A céntrica praza transformouse, esta semana, nun gran espazo de xogos e aprendizaxe

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Van empezar xa as obras?». Os condutores formuláronse esa pregunta días atrás, cando apareceron os carteis anunciando que ía estar prohibido estacionar na praza da Independencia. Realizábanse a pregunta coa mesma perplexidade coa que unha muller, onte pola tarde, miraba a maraña de fíos de cores que cruza a praza en todas direccións. Non o sabía, pero eses cordeis de vivos tons forman parte dunha máquina do tempo que durante os próximos días trasladará, a máis de trescentos escolares do veciño colexio San Francisco, ata «A Vila do mañá». Ese é o nome baixo o que se despregará, durante varios días, unha campaña na que, a base de xogo e máis xogo, preténdese «reivindicar as rúas como lugares de encontro, convivencia e esparexemento». A actividade, organizada pola concellaría de Urbanismo , non se desenvolve por casualidade na Independencia: pretende servir como unha ferramenta para que os rapaces poidan reflexionar sobre «os cambios que vai sufrir a zona coas obras de humanización que están a piques de comezar no entorno do seu centro educativo».