O Arousa desángrase nos inicios e nos finais de cada tempo de partido

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Catorce puntos se deixou xa o equipo nos minutos cruciais, 11 no último mes

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A bo seguro que os afeccionados do Arousa menos puntuais se sorprendían na tarde do domingo cando ao chegar ao seu asento nas gradas da Lomba lles contaban que o 0-1 que campaba no marcador a prol do Boiro levaba apuntado desde nin sequera o segundo minuto de partido. O abraio sen dúbida debeu de ser maiúsculo cando, abundando no conto, escoitaban que xa antes de recoller o balón do interior da súa portería, o gardamallas local, Manu Táboas, se tivera que aplicar para deter dous disparos na área que encamiñaban o esférico maliciosamente dirixidos entre os tres paos defendidos polo conxunto arlequinado. O tempraneiro tanto do vilagarcián Lezcano bastoulle ao Boiro para rematar levando da Lomba un punto, privando doutros dous o equipo de Rafa Sáez.

O técnico local declaraba tras o encontro que «la verdad, creo que salimos muy dormidos al partido, muy dormidos. Y los primeros quince minutos nos penalizaron, pasando el resto del partido a remolque de un rival que se defendió con orden, con intensidad, con agresividad [...] Tenemos que apretar más, ser un equipo más intenso, que muerda más en los primeros minutos de partido», reclamoulles aos seus homes. E é que, lonxe de ser un roto puntual, o sufrido o pasado domingo ante o modesto Boiro estáse a converter nun hábito tremendamente caro para o equipo da Lomba.

Un dato dá idea da magnitude do problema, que de non ser atallado, ameaza con cobrarse o pasaporte arlequinado á fase de ascenso polo que traballa o colectivo de Rafa Sáez. No recén concluído primeiro terzo de competición, en tan só trece xornadas de Liga, o Arousa víu voar 14 puntos a raíz dos goles que encaixou nos primeiros e nos últimos minutos de cada parte. Unha auténtica fortuna, orixe das súas catro derrotas e un dos dous empates, que non lles impide de momento aos de Sáez mirar a zona de promoción a 2 puntos, pero que ameaza con arruinalos. Sobre todo, por tratarse dunha tendencia en consolidación.

Yhavé, no minuto 44, e Jonás, no 50, déronlle a volta ao tanto inicial de Chiqui no partido da cuarta xornada co Alondras, que o cadro cangués acabou levándose cun 2-3. Rubén Rivera marcou a lume a superioridade do líder Bergantiños no seu paso por Vilagarcía na oitava xornada cun tanto no minuto 9, con Borja Facal matando calquera posibilidade de remontada local no 47 subindo o 0-2 definitivo. Unha semana despois Joselu silenciou A Lomba co seu gol no 87, co que devolveu o Racing de Ferrol á carreira polos catro primeiros postos. E na xornada que precedeu ao empate do Boiro, David Álvarez (2-0), na prolongación da primeira parte, e Revuelta co definitivo 3-2 no 82 sentenciaron o Arousa no campo do Barco.

«Siempre digo que hay que estar concentrados en los primeros y en los últimos minutos [...] Y eso no tiene nada de ciencia. Ni tan siquiera es un factor muy entrenable», sinalaba o domingo Sáez. Resolvelo «se consigue solamente con la intención», di para quen queira, e debe, escoitalo.

As críticas ao céspede da Lomba chegan tamén á era Rafa Sáez

Non hai un só adestrador do Arousa que, por razóns obvias, non remate criticando, máis tarde ou máis cedo, o pobre estado do céspede do estadio da Lomba. Trece xornadas de Liga pasaron ata que o actual xestor do vestiario arlequinado se sumase a unha triste tradición: «La verdad, sin que sirva de excusa, sí como media explicación, tener que proponer juego al pie tal y como estaba el campo era muy difícil. Tener que construir se hizo difícil, por la acción del rival, y porque el campo no dio muchas facilidades; el juego se ralentizaba mucho».

Sáez nega a circunstancia e fala de categoría: «El campo nunca está bien. Hoy -polo domingo- la pelota más que rodar, daba saltos. Estoy viendo que el campo no nos va a ayudar mucho. Es un enemigo en contra de lo que nosotros podemos hacer mejor, que es llevar la pelota controlada». Así as cousas, «yo soy el entrenador del Arousa. Lo único que puedo expresar es lo que veo, y lo que lo que me dicen mis futbolistas».

Sen Suso nin Sylla na mañá do domingo

O Arousa xogará esta semana na mañá do domingo co Choco. Faráo sen Suso nin Sylla, ambos tras ver o quinto cartón amarelo.