O último adeus a unha das palmeiras centenarias de Vilagarcía

Un dos icónicos exemplares que están diante do Concello foi tallado, vítima do escaravello picudo

Servizos municipais tallan unha das palmeiras de Ravella en Vilagarcía O exemplar foi vítima do escaravello picudo e tivo que ser retirado porque constituía un perigo

vilagarcía / a voz

Advertiuno Cholo Dorgambide nunha das últimas sesións plenarias e tiña razón o edil do PP. «Esa palmeira é un perigo e vai haber que tallala», apuntou o popular, antes de explicar as características das raíces desa especie e de asegurar que ambas foran plantadas ante o Concello polo seu avó.

A profecía de Cholo cumpriuse onte. Operarios municipais, coa colaboración dos servizos de Protección Civil, procederon á talla do enfermo exemplar, que foi vítima do escaravello picudo. O diagnóstico chegou en setembro do ano pasado, cando técnicos da empresa Arbogal empolicáronse tanto á xa desaparecida como á súa irmá para comprobar o tamaño do ataque. E foi entón cando se constatou que non había moito solución. Unha poda extrema foi a última medida desesperada, pero non evitou o fatal desenlace, que se consumou onte.

Foi ás catro da tarde e con poucas testemuñas. Por alí andaban Gaspar González, concelleiro de Somos Maioría, e tamén Lino Mouriño, o edil de Obras. E algún espectadores, escasos en realidade, que se achegaron ao ver o despregamento de máquinas, guindastres e aparellos varios, para ver en directo as manobras desa decapitación arbórea. Alí plantáronse os operarios municipais para iniciar o seu traballo. Anaco a anaco -ata unha ducia de grandes dimensións acabaron sobre a chaira do concello- foise efectuando a talla. Non foi fácil, porque a palmeira parecía resistirse ao seu fúnebre destino e a serra mecánica sufría de xeito abondo, ao mesmo tempo que ao seu manipulador lle brotaba a suor a pesar de que a tarde era otoñal. Logo, quedaba aínda un último paso: triturar todos os restos, que non podían ser reutilizados pola presenza do perigoso insecto. Esa tarefa alargouse durante varias horas, porque a cantidade de madeira daría para unha boa grellada.

Os exemplares chegaron a Ravella entre 1905 e 1910. Chegaron sendo apenas uns retoños e convertéronse nun símbolo. Agora xa só queda a maior para compor unha postal que se converteu en asimétrica.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

O último adeus a unha das palmeiras centenarias de Vilagarcía