A poboación de Vilagarcía, entre as máis novas das cidades galegas

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Só Oleiros, Narón, Cambre e Pontevedra teñen máis veciños menores de 14 anos

30 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non parece un gran consolo nun país que ostenta a dubidosa honra de ser o máis envellecido da Europa occidental. Pero así son as cousas. A poboación de Vilagarcía atópase entre as máis novas, sempre entre comiñas, dos principais municipios galegos. De acordo co estudo Urban Audit, que o Instituto Nacional de Estatística acaba de facer público para os concellos que superan os vinte mil habitantes, a capital arousá ocupa o quinto posto de trece en Galicia polo que respecta á porcentaxe de veciños menores de catorce anos. Aquí, este índice é dun 13,66 %, que pode parecer escaso pero antóllase unha marabilla fronte ao 10,84 % ao que caeu Ferrol, por citar un dos exemplos máis preocupantes. O asunto ten mellor pinta en Oleiros (14,87), Narón (14,62), Cambre (14,38) e Pontevedra (14,07), mentres que o resto dos concellos que forman este selecto club atópanse por baixo de Vilagarcía. Como diciamos, tampouco convén botar as campás ao voo, posto que en ningún deles, nin aínda o que manexa unhas cifras máis esperanzadoras, como é Oleiros, a porcentaxe de poboación máis nova supera ao da máis envellecida, que como mínimo supón un 19,60 % do total.

A idade media da poboación achega outro dato interesante. Na capital arousá, esta cifra sitúase en 44,05 anos. Tamén é das máis baixas entre as principais cidades da comunidade. A comparación resulta mesmo máis positiva que a que se establece entre as respectivas porcentaxes de nenos. De feito, dos trece municipios que en Galicia pasan os vinte mil habitantes, só Narón, con 43,36 anos posúe un dato mellor. Novamente Ferrol ocupa o vagón máis castigado do tren do envellecemento e roza xa os 50 anos.

O revés para a capital arousá vén polo lado da renda media. Sempre segundo a auditoría do INE, cada vilagarcián dispuxo no 2017 de 9.240 euros. Moi pouco. Só A Estrada está por baixo, con 9.074 euros. Como moito, Vilagarcía relaciónase neste ámbito con Marín (9.387 euros) e Cangas (9.731 euros). Nada que ver cos 14.857 euros que Oleiros ofrece como media, mentres Pontevedra pasa os once mil.

Isto é o que sucede en Galicia. Pero que ocorre no conxunto do Estado? O dato da renda media anual non figura entre as conclusións do estudo. Pero si a porcentaxe media de nenos, que en España é dun 14.95 %, e a idade media, que o ano pasado situouse en 43,22 anos. Nin sequera a próspera e aparentemente rexuvenecida Oleiros acada a media estatal.

A renda media dos habitantes de Oleiros supera en cinco mil euros á dos arousáns

3.791 fogares nos que habita unha soa persoa

Cruzar os datos do INE cos que manexa sobre o terreo o Concello de Vilagarcía achega interesantes conclusións. Unha delas ten que ver cun fenómeno á alza: o das persoas que viven soas.

Vilagarcía é o cuarto municipio galego con máis de vinte mil habitantes no que existe un menor número de fogares unipersoais: un 26,26 %. É curioso comprobar que, fóra de Vigo, que se move nun nivel semellante, as grandes cidades de Galicia guindan porcentaxes bastante superiores neste índice, que nos casos da Coruña, Lugo, Ourense e Ferrol supón que un de cada tres fogares teña un só habitante.

Por pura lóxica demográfica, este fenómeno atópase moi vinculado ao das persoas maiores que viven soas. E é aquí onde interveñen os datos municipais. Segundo os servizos sociais de Ravella, en Vilagarcía vivían en soidade, a finais do ano pasado, 1.639 cidadáns maiores de 65 anos, nada menos que o 4,3 % da poboación total. Isto quere dicir que algo menos da metade deses 3.791 fogares unipersoais están sustentados por xente maior.