A rúa do río saca brillo á súa arquitectura

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A peonalización revalorizou esta vía e agora os donos dos inmobles achegan o seu granito de area

14 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Rey Daviña é a rúa por excelencia de Vilagarcía. A das compras e os paseos. Pero non sempre foi así. A que foi a primeira vía de comunicación entre o centro urbano e o veciño Carril acabou perdendo o seu carácter orixinal coa irrupción do coche e o desenvolvismo da segunda metade do século pasado. Rey Daviña acabou aquela centuria desfigurada e sen alma. Pero no ano 2010 as cousas cambiaron: o goberno de Dolores García decidiu apostar forte e peonalizou a vía. E aí empezou a cambiar todo. Así o sostén o arquitecto Mariano Vázquez, responsable do proxecto de humanización que enlazará Rey Daviña coa praza de Galicia. «A inversión pública na adecuación da rúa, o feito de devolver o protagonismo aos peóns e o conseguinte auxe comercial, espertan nos propietarios o deber de adecentar os seus predios», relata. «Esta dinámica non é nova; está comprobado que estas reaccións en cadea son unha constante nos centros urbanos humanizados», continúa argumentando.

Ao seu xuízo, Rey Daviña vive un momento de «clímax». As arcas públicas permitirán abordar a peonalización da praza principal na que desembocará, xa sen obstáculos, a rúa. Por outra banda, están «as diversas rehabilitacións en edificacións privadas». Nos últimos anos, efectivamente, foron varios os inmobles que foron rescatados dun abandono que se antollaba inexplicable. Dous deles están, nestes momentos, en pleno proceso de renacemento.

Apunta Mariano Vázquez que «nun período de recesión aguda dentro do sector inmobiliario, a actividade desta rúa é moi superior á media, concentrando unha parte moi significativa de todas as actuacións no centro da vila». É verdade que tamén se restauraron edificios noutros puntos do rueiro, como a vella casa do Doutor Tourón, pero é en Rey Daviña onde é máis visible esa arquitectura da segunda oportunidade. E é así, sinala o arquitecto, por unha cuestión de oportunidade, ao entender os propietarios que vale a pena o investimento, e por concienciación, ao entender que é necesario coidar os seus inmobles igual que está coidada a rúa á que se asoman.

As empresas especializadas na rehabilitación de edificios tamén se dan conta do potencial de Rey Daviña, onde a nómina de inmobles que necesitan unha boa reestruturación segue sendo grande. Algúns son lugares emblemáticos para os que parece haber xa un proxecto, por máis que este se atrase. É o caso do edificio que acolleu no seu día o Hotel Moderno, que leva en capela máis dun ano. Outros, son construcións con historia, como a do California, sobre os que poderían ter posto os seus ollos ata grandes cadeas téxtiles. O tempo dirá.