As catro mil historias do belén de Valga

Rosa Estévez
Rosa Estévez VALGA / LA VOZ

VALGA

O Nacemento elaborado polos veciños abriu onte as súas portas; durante cinco semanas recibirá miles de visitas

05 dic 2021 . Actualizado ás 22:45 h.

Algo ten o belén de Valga de milagre do Nadal. Talvez sexa que naceu da vontade dos veciños e veciñas. Ocorreu fai case trinta anos, e o espírito que alumou as primeiras composicións non fixo máis que crecer e crecer. Tamén o Nacemento, que quedou inaugurado na chuviosa tarde deste domingo. Ás cinco e media, tras ser bendicido polo cura, o belén comezou a recibir visitas: seguirá facéndoo durante boa parte do ano, porque se converteu nun reclamo máis para os turistas.

Razóns hai que explican o seu éxito. Por unha banda, todas as figuras —e son catro mil— foron elaboradas a man pola xente da asociación Amigos do belén. Papel, arame e teas son os materiais que empregan para modelar uns bonecos nos que, a pouco que nos fixemos, non nos custará descubrir trazos coñecidos. E é que esa é outra das características deste Nacemento, que se converte nunha sorte de crónica do ano e, como tal, expón ante o público os acontecementos e protagonistas que marcaron este 2021 en Valga e no mundo.

Obviamente, como xa ocorreu o ano pasado, as referencias á pandemia non podían faltar. Aí está unha réplica en miniatura do vacunómetro da Cidade da Cultura. Aí están, tamén, os Xogos Olímpicos de Tokio, que toman o corpo de campioas como Ana Peleteiro ou Teresa Portela. O fútbol non falla nunca, e nesta ocasión aparece representado polos integrantes da selección española andando en patinete e polas despedidas de Messi e Sergio Ramos do Barcelona e do Real Madrid, respectivamente.

Aínda que nos últimos días haxa quedado un pouco fose do foco mediático, en Valga non se esqueceron da illa daPalma , que segue suxeita ás convulsións do volcán Cume Vello. Na paisaxe que crearon vese a igrexa de Todoque, arrasada pola erupción. Por certo: o vindeiro domingo organizarase unha tómbola a beneficio dos damnificados por este estarrecedor estalido da natureza.

De entrada, o belén estará aberto ao público durante as cinco próximas semanas e de forma gratuíta. Os horarios serán, de luns a venres, de 17.30 a 20.30 horas. Os sábados, de 17 a 20.30 horas e os domingos, ademais, de 12 a 14 horas. Unha vez que pase o mogollón festivo, as visitas manteranse como en anos anteriores, pero para grupos organizados e previa concertación de cita cos organizadores deste soño de Nadal.