O Baixo Ulla recupera o atractivo turístico das fervenzas de Parafita

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

concello

Estivo unha longa tempada sen recibir visitas, despois de que se pechase a pasarela de madeira que dá acceso á zona tras comprobar a súa deterioración

01 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A fervenza de Parafita é unha contorna natural dunha gran beleza. Espesura, verde e auga forman unha composición irresistible para quen gozan explorando o mundo que nos rodea. Con todo, ese recurso ambiental e turístico estivo unha longa tempada sen recibir visitas, despois de que se pechase a pasarela de madeira que dá acceso á zona tras comprobar a súa deterioración. Esa situación hase corrixido, por fin. O Concello de Valga anunciou onte que «a fervenza e os muíños de Parafita contan con novos accesos tralo remate das obras de reposición da pasarela». Durante as últimas semanas abordouse a segunda fase de recuperación desa senda, unhas obras acometidas por Construcións Lemos Martínez e que consistiron «na colocación da nova base dos chanzos e varandas de madeira, totalmente acordes co entorno». A renovada pasarela, explica o Concello de Valga , «chega ata o pé da fervenza e inclúe, no seu trazado, varios bancos, tamén de madeira». Ademais, durante a intervención tamén se acondicionou «a subida á zona na que se atopa un dos muíños, dando continuidade á pasarela ata ese punto, e colocando unha varanda perimetral de madeira que garanta a seguridade dos visitantes e os protexa de posibles caídas». A actuación completouse coa execución de obras de mantemento «nos propios muíños».

En total, a actuación despregada neste recuncho de Valga supuxo un investimento de 29.277 euros, unha cantidade que foi achegada pola Xunta de Galicia.