Valga reduce en 18.000 quilos a recollida de orgánicos grazas á compostaxe 

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Cedida

O Concello ten varios composteiros comunitarios e arredor de mil veciños contan co seu na casa

27 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Neste mes de novembro cumpriuse un ano dende a posta en funcionamento do primeiro centro de compostaxe comunitaria en Valga no marco do Plan Revitaliza, que o Concello e a Deputación impulsaron para mellorar a xestión dos biorresiduos a través da reciclaxe. Foi o 4 de novembro de 2020 cando se puxo en marcha o centro da Avenida da Coruña, pioneiro no municipio. Despois, en decembro de 2020 e en marzo de 2021 entraron en servizo outros dous puntos de compostaxe comunitaria na rúa Doutor de Oya Salgueiro e no colexio de Baño. Entre os tres tratáronse 27.011 quilos de residuos orgánicos e restos vexetais e lévanse obtido preto de 5.500 quilos de compost que está dispoñible para que todos os veciños o poidan utilizar para abonar as súas hortas e xardíns. O centro de compostaxe de máis recente instalación é o do CEIP Baño-Xanza. Tamén se instalaron composteiros individuais no Ferro Couselo, nas escolas do CRA de Valga, na escola infantil municipal e no instituto.

No tocante á compostaxe doméstica, o Concello leva repartido entre os veciños uns mil composteiros individuais. As visitas realizadas polos mestres composteiros amosan que todos están a ser empregados correctamente.

A valoración dende a Oficina de Compostaxe municipal non pode ser máis positiva, xa que se sacaron do circuíto de recollida do lixo 18.298 quilos de residuos orgánicos que, doutro xeito, acabarían nos colectores de lixo.