A rede viaria da área empresarial de Valga recibirá melloras por 120.000 euros

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MONICA IRAGO

A intervención conta coa colaboración da Consellería de Economía

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Valga levará a cabo unha nova fase de mellora das infraestruturas viarias na área empresarial de Campaña, o maior asentamento industrial do municipio con seis grandes empresas nas que traballan máis dun milleiro de persoas. As obras acaban de saír a licitación por un importe de 119.950 euros e serán cofinanciadas entre o Concello e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O proxecto recolle traballos de ampliación e humanización do vieiro que dá acceso ao núcleo do Carballiño dende a estrada PO-548. Ensancharase a plataforma para permitir a dotación de novas beirarrúas pola marxe máis próxima á Mina Porto Piñeiro, onde tamén se habilitarán novas prazas para o estacionamento de vehículos. As melloras tamén afectarán á outra marxe da estrada, coa continuación das beirarrúas aproximadamente ata a altura da empresa Intavalsa. Neste tramo instalaranse, ademais, canalizacións de saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais.