O vento da travesía: Da cea do 5 de setembro de 1717

VALGA

MONICA IRAGO

16 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

vento dá travesía avelino ochoa

Despois de asaltar de mañá a Casa da Fonte para eliminar documentos, as patrullas veciñais deixaron retornar ao capitán de Valga de San Martiño do Grove sabedores de que, afouto, non fuxía para fóra e que, por protexerse, convidara a cear na Casa ao cura Pedro Mareque, que non ía ir, e ao vicecura, Benito Sartajes, que asistiría. Os dous clérigos estaban moi vinculados á freguesía. O párroco era pai de Domingo Antonio Mareque Soutullo, nado en 1701, fillo de María de Soutullo e trouxera de Conxo a un sobriño, Juan de Mareque Suárez, casado na parroquia e debedor de foros. Durante a revolta este cura barregán e cómplice mantívose á sombra e nos intres de presión xudicial, polo si ou polo non, fuxiu a Santiago cos seus. Foi soterrado en 1728 debaixo do altar da igrexa de Adro Vello, no oco do Norte. Nas escavacións dese xacemento non se fixo caso del, nin dos demais protagonistas desta historia alí sepultados. O vicecura Sartajes, de Castrelo, ese 1717 tamén fora pai de Isabel Sartajes García, cunha moza do lugar. Malia tanta relación, a Igrexa mantiña demandas por dezmos contra a veciñanza. Asistiron á cea na Casa Torre da Fonte o anfitrión, José Andrés Sánchez Portocarrero, tan ben relacionado, expeditivo, ousado e orgulloso; José de la Yglessya, escribán de Padrón; o seu auxiliar, Juan Antonio de Seoane, de 16 anos; Andrés de Carvallido, que soportara preso o asalto desa mañá e Benito Sartajes, o vicecura, teatral e ampuloso. Para beber, viño subministrado por Teresa García, de vinte e cinco anos, desde a taberna da Granxa, a carón da Casa e quen, a pesar de que serviu ata a madrugada, non lembrou, nin oíu, nin soubo nada. O menú: polbo, lagostas e peixe que trouxera o capitán nas alforxas desde San Martiño. El mesmo contou moi ben o ocorrido: «que serían as nove da noite, chegaron os acusados e outros confederados seus á porta da devandita casa que segundo o rruido e boces que davan serían cen homes e algunhas mugeres e con grande alborotto dixeron abrir a porta ou avían de queimar aos que estavan dentro prorumpiendo en boces ynjuriosas segundo se lles anttojava e como non se mandase abrir polo rriesgo que amenazavan, romperon todas as portas e fiestras con paus de jerro que llebavan de propositto para este efectto, tirando pedras a toda a cassa e teito della e logo entráronse denttro da referida cassa e llebaron por forza ao eclesiástico para fose della para que non estivese na nosa compaña dicindo nos avían de matar alí e aínda que lles pedín deixasen devandito eclesiástico para que nos confesase xa que nos avían de matar, me rrespondieron que as confesións as aríamos nos infernos e que a sepultura sería no mar por estar ynmediata aquela freguesía e vila do Grove estar nunha ysla pechada e só se entra nela por unha garganta de terra mui estreita a modo de cavo de tixola. E coñecendo devandito lizenciado Sarttajes o apuro en que nos allabamos, lles a pedido encarecidamente que lle deixasen e pedisen o que quixesen que quería morrer comigo o que non lle quixeron conceder» A noite viña tensa.